CSIF ENSINO GALICIA · FORMACIÓN PROFESIONAL
Desafío CiberFP 2026: convocatoria de participación para o curso 2026/27
Publicación no Portal Educativo: 27 de outubro de 2026
A Dirección Xeral de Formación Profesional publicou a Resolución do 26 de outubro de 2026 pola que se convoca o Desafío CiberFP e se establecen as bases de participación dos centros públicos dependentes da Consellería durante o curso 2026/27.
Esta competición busca desenvolver as competencias en ciberseguridade do alumnado de Formación Profesional mediante retos prácticos inspirados en situacións profesionais, fomentando o traballo en equipo e a resolución de problemas.
Prazo de solicitude
Ata o 13 de novembro de 2026, incluído.
Quen pode participar?
Alumnado de FP de centros públicos dependentes da Consellería, en equipos de tres estudantes. Cada centro poderá inscribir un número ilimitado de equipos.
Cada estudante só poderá formar parte dun equipo e participar nun único desafío nesta edición. O centro deberá designar, polo menos, unha persoa responsable da coordinación. Unha mesma persoa docente poderá coordinar varios equipos do seu centro.
Tres desafíos segundo o perfil do alumnado
- Explorador: alumnado de grao medio e superior de calquera familia profesional, agás Informática e Comunicacións e Electricidade e Electrónica, que conte coas competencias do módulo de Dixitalización aplicada aos sectores produtivos.
- Aventureiro: alumnado de grao medio e superior das familias de Informática e Comunicacións e de Electricidade e Electrónica, con coñecementos previos en sistemas informáticos, redes, programación, electrónica ou seguridade dixital.
- Experto: alumnado de grao superior e de cursos de especialización desas dúas familias profesionais, con coñecementos técnicos especializados en sistemas, redes, programación, electrónica e ciberseguridade.
Como presentar a solicitude
- Presentar unha única solicitude por centro mediante o anexo I, relacionando todos os equipos. Debe cubrirse dixitalmente en formato de folla de cálculo e presentarse sen asinar.
- Tramitala na Sede Electrónica da Xunta de Galicia, mediante o procedemento PR004A, dirixida á Dirección Xeral de Formación Profesional.
- Remitir tamén copia da solicitude e da documentación a fpinnova@edu.xunta.gal, dentro do prazo de presentación.
Fases da competición
- Presentación e formación: prevista para novembro de 2026, nunha data por determinar.
- Clasificatoria: telemática nos centros participantes, en xaneiro de 2027, cunha duración máxima dunha hora.
- Final: presencial no Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, en Ourense, en febreiro de 2027.
As datas poderán modificarse por motivos de organización. Os cambios comunicaranse aos centros participantes.
Certificación para o profesorado
As persoas coordinadoras dos equipos que accedan á final recibirán unha certificación de actividade de innovación educativa equivalente a 10 horas de formación permanente do profesorado. O alumnado participante recibirá un diploma acreditativo da participación e da formación recibida.