Valoración sindical do Plan para o impulso da atención á diversidade
- Negociaciones y acuerdos
2 de junio de 2026
Comunicado conxunto de CSIF, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP sobre as medidas anunciadas pola Consellería de Educación.
Un plan necesario para a realidade actual dos centros
As organizacións sindicais CSIF, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP , no marco do traballo conxunto que vimos desenvolvendo nos últimos anos en defensa da mellora do ensino público galego e das condicións laborais do seu persoal, especialmente a través do Acordo sobre medidas de mellora do sistema educativo valoramos positivamente que a atención á diversidade se sitúe no centro da axenda educativa galega.
O "Plan para o impulso da atención á diversidade" é necesario, chega nun momento importante e debe servir para dar resposta a unha realidade que os centros educativos levan anos trasladando con claridade: cada curso medran as necesidades do alumnado, medran as situacións complexas nas aulas e medra tamén a esixencia profesional sobre o profesorado, os departamentos de orientación, o persoal especialista e o persoal non docente.
A escola galega é hoxe máis diversa, e iso é unha riqueza. Pero para que esa diversidade sexa realmente unha oportunidade e non unha fonte de desigualdade, fan falta recursos, organización, estabilidade e vontade de escoitar a quen está cada día nos centros.
Por iso queremos partir dunha idea que expresada polo propio Conselleiro, todos os recursos que se doten van ser sempre insuficientes. E precisamente por iso non podemos conformarnos. Esa afirmación non debe servir para rebaixar a esixencia, senón para reforzala. Porque a atención á diversidade non é unha actuación puntual nin unha campaña dun curso; é unha obriga permanente do sistema educativo e unha condición imprescindible para garantir o dereito á educación en igualdade de oportunidades.
Avances que valoramos positivamente
Neste sentido, queremos poñer en valor varias das medidas recollidas no plan. O reforzo dos servizos de orientación, coa incorporación de 50 novos orientadores e orientadoras, o incremento de 100 profesionais de Pedagoxía Terapéutica na ESO no curso 2026/27 e outros 100 no 2027/28, a consolidación de postos de PT e Audición e Linguaxe en Primaria, a actualización normativa, a formación específica, a redución da burocracia e a mellora das ferramentas de xestión son pasos importantes que poden ter un impacto positivo se se aplican ben, se chegan a todos os centros que o precisan e se se manteñen no tempo.
Agora ben, debemos entender estas medidas como un bo punto de partida e non como un punto de chegada...
Do mesmo xeito, os 200 novos efectivos de Pedagoxía Terapéutica anunciados constitúen un avance relevante...
Ademais, cómpre lembrar que as melloras incorporadas ao Acordo de catálogos do profesorado permiten avanzar na dotación estrutural destes recursos...
O persoal auxiliar coidador: unha cuestión prioritaria
Tamén queremos lembrar que algunhas das medidas que hoxe se presentaron conectan directamente co traballo desenvolvido nos últimos anos no marco do Acordo sobre medidas de mellora do sistema educativo galego...
Pero hoxe tamén queremos trasladar unha mensaxe clara: un plan non pode quedar nun documento. Ten que notarse nas aulas, nos patios, nos comedores, nos departamentos de orientación, nas familias e nas condicións laborais do persoal.
E aquí hai unha cuestión especialmente sensible: a dotación de persoal auxiliar coidador...
O que vivimos a comezos deste curso en distintos centros educativos galegos non pode repetirse...
Por iso, neste punto, queremos ser especialmente firmes. Cómpre garantir persoal coidador suficiente, con criterios claros, con substitucións áxiles, con estabilidade nas contratacións e con pleno respecto aos dereitos das persoas traballadoras.
Compromiso sindical
As catro organizacións sindicais temos unha responsabilidade: dialogar, propoñer, negociar e chegar a acordos cando estes supoñen avances para o ensino público galego.
Ese vai ser o noso papel tamén con este plan. Queremos que funcione. Queremos que se implemente ao 100 %. Queremos que sirva para mellorar a atención ao alumnado e tamén para mellorar as condicións do profesorado, dos equipos de orientación, do persoal especialista e do persoal non docente.
Porque a inclusión educativa non se proclama: constrúese. Con recursos. Con planificación. Con profesionais suficientes. Con estabilidade. Con menos burocracia. Con coordinación. E co recoñecemento de todo o persoal que sostén cada día os centros educativos.
En resumo, este plan pode ser unha oportunidade importante para avanzar. Pero esa oportunidade só será real se chega a cada centro, a cada aula e a cada alumno ou alumna que precisa apoio. A nosa disposición ao diálogo é total. A nosa esixencia tamén.