CSIF SÍ LEVA ANOS TOMANDO ACIÓNS PARA RECUPERAR A TÚA PAGA EXTRA…
- Negociaciones y acuerdos
27 de noviembre de 2025
(E NON LLE ESIXIU NIN UN SÓ EURO NIN AFILIACIÓN OBRIGATORIA A NINGUÉN)
Nos últimos días seguro que che chegou algunha mensaxe dicindo que podes reclamar o cobro do 100 % das pagas extraordinarias. Dende CSIF queremos explicar, con claridade, que din realmente esas sentenzas, como se calculan hoxe as pagas extraordinarias na función pública e que marxe real existe para reclamalas no caso do profesorado.
🔎 Ten en conta o seguinte
- A información que circula non é correcta. Úsase a sentenza do Supremo para prometer unha “paga extra completa” cando a sentenza non di iso.
- A sentenza non fala de pagas extra: trata de pluses (noites, festivos, quendas) en vacacións, baixas e IT; nunca de cobrar máis nas extras de xuño e decembro.
- Non é aplicable directamente ao profesorado galego: é un caso de Policía Local e non recoñece para docentes o dereito a cobrar o incentivo de avaliación na paga extra.
- As reclamacións masivas de “paga extra completa” teñen moi poucas opcións de éxito mentres as Leis de Orzamentos sigan igual.
- CSIF leva anos traballando para recuperar a paga extra (negociación, emendas, ILP, recurso ao Constitucional e mobilización), sen cobrar nin esixir afiliación obrigatoria.
1) Que din de verdade as sentenzas do Supremo do 25/06/2025?
Resolven varios recursos de funcionarios da Policía Local de Vigo que traballan por quendas con noites e festivos. O Supremo fixa tres ideas:
- Se nocturnidade e festividade forman parte da quenda ordinaria, eses pluses son retribucións fixas e periódicas inherentes ao posto.
- Débense cobrar tamén durante vacacións, incapacidade temporal e permisos retribuídos, aínda que nese período non se traballe de noite ou en festivo.
- Pódense reclamar cantidades atrasadas dentro do prazo xeral de prescrición de 4 anos.
Importante: estas sentenzas non recoñecen o dereito a cobrar eses pluses nas pagas extraordinarias nin analizan a súa estrutura. O debate que resolven é sobre vacacións, IT e permisos retribuídos, non sobre as extras de xuño e decembro.
2) Como se calculan hoxe as pagas extraordinarias do persoal funcionario?
Na función pública a estrutura das pagas extraordinarias vén regulada no art. 22.4 do EBEP (Real Decreto Lexislativo 5/2015):
- Unha mensualidade de retribucións básicas (soldos e trienios) + a totalidade das retribucións complementarias, agás produtividade e gratificacións por servizos extraordinarios.
Porén, dende 2010 as Leis de Orzamentos Xerais do Estado veñen fixando importes pechados e inferiores aos que resultarían de aplicar literalmente o EBEP (soldos e trienios “reducidos” nas extras).
Por iso CSIF reclama recuperar a estrutura salarial previa a 2010 e calcular as extras conforme ao EBEP, sen recortes encubertos vía Orzamentos.
3) Que pasa coas campañas que prometen “paga extra completa” a raíz do Supremo?
- As sentenzas non falan de pagas extraordinarias nin obrigan a cambiar o cálculo actual.
- Vincular esas sentenzas cun suposto dereito inmediato á “paga extra completa” é unha interpretación errónea que xera expectativas non avaladas pola normativa vixente.
- Mentres sigan vixentes as Leis de Orzamentos que marcan a contía das extras, as posibilidades de éxito dunha reclamación masiva para “completalas” son moi reducidas.
Como organización seria e responsable, CSIF non recomenda adherirse a campañas xeneralistas deste tipo baseadas unicamente nestas sentenzas.
4) E no caso do profesorado: incentivo de avaliación docente e paga extra?
Situación actual:
- A normativa galega configura o incentivo como contía mensual ligada á avaliación positiva.
- Na práctica, trátase como produtividade: págase mes a mes, pero non se integra nas pagas extraordinarias.
Desde o punto de vista xurídico:
- Pódese argumentar que, unha vez concedido, é un complemento estable e reiterado.
- Porén, hoxe non existe xurisprudencia específica que obrigue a incluilo nas extras (en Galicia nin no resto do Estado).
Polo tanto, non existe un dereito claro e consolidado a percibilo na paga extra, aínda que poidan formularse debates e reclamacións puntuais.
5) Que está facendo CSIF para recuperar a paga extra íntegra?
- Reivindicación: recuperación da paga extra completa e aplicación real do art. 22.4 do EBEP.
- Negociación institucional na Mesa Xeral para que as extras inclúan o que marca a lei.
- Emendas aos PGE para que as pagas extra recollan o 100 % das retribucións básicas e complementarias.
- Mobilización nos centros: campañas e recollida de sinaturas.
- ILP (2023) para derrogar os recortes do RD-lei 8/2010 e recuperar as pagas íntegras.
- Recurso ao Tribunal Constitucional admitido a trámite tras o rexeitamento da ILP no Congreso.
- Presión continua: mobilizacións e petición de negociación urxente en todo o país.
6) Pódese facer unha reclamación a nivel individual?
Revisar o caso concreto é lexítimo, pero cómpre facelo con realismo sobre as probabilidades.
- As sentenzas citadas non crean un dereito inmediato á “paga extra completa”.
- Mentres as Leis de Orzamentos marquen a contía, a viabilidade dunha reclamación masiva é baixa.
- Campañas con expectativas irreais rematan por perxudicar futuras reivindicacións serias.
CSIF aposta por información rigorosa, acompañamento xurídico serio e estratexia negociadora para lograr cambios efectivos.
7) O compromiso de CSIF
CSIF leva anos tomando accións para recuperar a túa paga extra sen esixir nin un euro nin afiliación obrigatoria.
Damosche información completa e mantemos o compromiso de sempre: rigurosidade xurídica, realismo nas expectativas e defensa profesional, seria e independente, dos dereitos do persoal empregado público.