O Goberno aproba a redución das ratios de alumnado e do horario lectivo máximo para todo o Estado: CSIF pide acelerar a implantación e un maior esforzo para garantir a atención á diversidade.

  • Últimas noticias

11 de noviembre de 2025

- CSIF valora de maneira positiva o anteproxecto de lei e esixe a todos os grupos parlamentarios altura de miras para que comprendan a necesidade desta norma no seu trámite parlamentario.
- Reclamamos tamén ratios máximas para os especialistas en Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica, así como un orientador por cada 250 alumnos, tal e como recomenda a UNESCO.
- CSIF esixe continuar traballando para avanzar nas demais cuestións que debe contemplar un Estatuto Docente: acceso á función docente, retribucións, carreira profesional, adaptación dos corpos docentes e todas as cuestións que afectan á vida laboral dun docente.

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), sindicato máis representativo nas administracións públicas, valora positivamente que o Goberno aprobe en primeira volta o anteproxecto de lei educativa, reducindo a ratio de alumnado en Primaria e Secundaria e tamén as horas lectivas semanais do profesorado. CSIF reclama aos grupos parlamentarios que teñan en conta as necesidades reais do sistema educativo para que esta medida se implante de maneira inmediata. Ademais, esiximos que se comece a traballar para a redución das ratios nas demais etapas educativas.

En relación coas ratios, redúcese o número máximo de alumnos por aula: 22 en Primaria fronte aos 25 actuais; e 25 en Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) fronte aos 30 actuais. Nos centros sostidos con fondos públicos, o alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) computará como dúas prazas.

Cambios vixentes dende o próximo curso

O calendario de aplicación prevé que a nova xornada lectiva e a consideración dobre do alumnado NEE entren en vigor no curso 2026/2027. As novas ratios comezarán a implantarse de forma progresiva: no curso 2027/2028 en Infantil e Primaria; en 2028/2029 en Secundaria; e en 2029/2030 en Bacharelato, acadando a súa aplicación completa no curso 2031/2032.

O texto do anteproxecto de lei continuará a súa tramitación ata a aprobación definitiva como proxecto de lei e a súa remisión ás Cortes Xerais. Durante este proceso, o texto será sometido a negociación coas organizacións sindicais e coas comunidades autónomas. Neste sentido, CSIF traballará para que as comunidades poidan reducir aínda máis estas horas, esixindo os cupos necesarios que garantan un máximo de 18 horas lectivas en Secundaria e 23 en Primaria.

Máis especialistas en atención á diversidade

O sindicato considera que continúa pendente a regulación dos especialistas en atención á diversidade (orientadores, mestres de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe). CSIF esixe ao Ministerio que estableza ratios máximas para estes profesionais, seguindo estándares como a recomendación da UNESCO de un orientador por cada 250 alumnos. O último informe TALIS evidencia as dificultades de España na atención a este alumnado, o que reforza a urxencia de actuar neste ámbito.

CSIF esixe que este proceso non se paralice e que se continúe traballando para incluír todas as cuestións que deben formar parte dun Estatuto Docente: mellora das retribucións, reforma do acceso á función docente, carreira profesional, permisos e licenzas, dignificación da labor docente, xubilacións e todas as medidas necesarias para regular a carreira profesional do profesorado dende o seu ingreso ata a súa retirada.

COMPARTIR