CCOO, CSIF E UGT esixen un relevo inmediato na SXT de Medio Rural pola nefasta xestión en materia de persoal durante a vaga de lumes que aínda asola Galicia nestes días
- Prensa y Comunicación
26 de agosto de 2025
Os sindicatos CCOO, CSIF e UGT denuncian publicamente a situación crítica que atravesa o Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta de Galicia (SPIF) debido á nefasta e neglixente xestión da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural.
O principal problema é a existencia de arredor de 200 postos de traballo sen cubrir no SPIF, un servizo esencial para a seguridade cidadá e a protección do patrimonio natural de Galicia. Estas carencias foron negadas sistematicamente pola Secretaría Xeral Técnica, ata que, tras as denuncias públicas realizadas polos tres sindicatos a comezos de agosto, a Consellería viuse obrigada a recoñecer a situación e facer un chamamento extraordinario para cubrir 198 prazas estruturais, non operativas porque os seus titulares se atopaban en situación de incapacidade temporal. Porén, malia que apenas se cubriu un 50% desas prazas, desde a Secretaría Xeral Técnica, non se fixo ningunha nova xestión para garantir a cobertura total dos efectivos.
A consecuencia é que, en plena vaga de lumes con máis de 570 incendios nos primeiros vinte días de agosto, o servizo segue cun déficit de persoal que pon en evidencia a inacción e a falta de responsabilidade por parte da Secretaría Xeral Técnica.
CCOO, CSIF e UGT denuncian que desde a Secretaría Xeral Técnica desatendéronse reiteradamente as súas solicitudes para cubrir de inmediato tódolos postos vacantes para garantir un dispositivo de extinción plenamente operativo e ao máximo da súa capacidade (tal como requiría a situación de emerxencia que se estaba a producir).
Ademais, os chamamentos realizados non provocan un incremento real de efectivos, senón que se limitan a mover persoal entre prazas, perpetuando un déficit estrutural que continua sen resolverse. Esta improvisación impide, que ademais o persoal incorporado non reciba a formación necesaria, poñendo en risco tanto a súa seguridade como a eficacia do dispositivo.
Os sindicatos lembran que levan anos esixindo que cada praza do SPIF sexa cuberta de maneira inmediata no momento en que se produce unha ausencia, precisamente para evitar situacións de vulnerabilidade como a actual.
Este déficit de persoal:
- Incrementa a carga e o risco sobre brigadas e demais profesionais do SPIF.
- Compromete a eficiencia e eficacia dos operativos.
- Pode ter consecuencias devastadoras para o territorio e para a seguridade das persoas.
Ademais, denuncian unha política de persoal marcada por:
- Falta de transparencia nos procesos de cobertura.
- Improvisación constante na xestión de recursos humanos.
- Deterioro progresivo das condicións laborais e do clima interno do servizo.
Por todo iso, CCOO, CSIF e UGT esixen o relevo inmediato do Secretario Xeral Técnico da Consellería do Medio Rural, ao quedar demostrada a súa incapacidade para garantir o funcionamento axeitado dun servizo esencial como o SPIF.
Mentres esta esixencia non sexa atendida, os sindicatos asinantes non descartamos impulsar novas medidas de presión e mobilización en defensa dos traballadores e traballadoras do servizo e da cidadanía galega, que merece un dispositivo de prevención e extinción de incendios plenamente operativo ao longo de todo o ano.
Finalmente, os sindicatos queren recoñecer e enxalzar o labor exemplar dos bombeiros forestais, axentes, técnicos, vixiantes, emisoristas e operadores que, seguen demostrando día tras día unha profesionalidade incansable a pesar das carencias e da mala xestión. Así mesmo, desexan a pronta recuperación de tódolos profesionais feridos na vaga de lumes que está a sufrir Galicia.
Por un SPIF eficaz e con todos os seus efectivos cubertos.