Servizo de traslado para as Seccións de Violencia sobre a Muller de Santiago e Ourense.
- CSIF Informa
9 de enero de 2026
Dende CSIF informámosvos que está colgado na Intranet o seguinte:
Real Decreto 422/2025 | Servizo de traslado para as Seccións de Violencia sobre a Muller de Santiago e Ourense
Con motivo da entrada en vigor do Real Decreto 422/2025, de 3 de xuño, que crea novas Seccións de Violencia contra a Infancia e a Adolescencia e amplía o persoal do Ministerio Fiscal, a Xunta de Galicia habilitou un servizo de traslado para todas as persoas citadas xudicialmente nas Seccións de Violencia sobre a Muller dos Tribunais de Instancia de Santiago de Compostela e Ourense, cando estas se atopen noutro partido xudicial distinto ao da sede da Sección.
O decreto amplía a xurisdición destas Seccións aos seguintes partidos xudiciais:
- Santiago de Compostela: Noia, Arzúa, Ribeira, Negreira, Muros, Padrón e Ordes.
- Ourense: Verín, O Carballiño, Xinzo de Limia, Ribadavia, Celanova e Bande.
Segundo a Lei Orgánica do Poder Xudicial, a Administración de Xustiza deberá facilitar un medio de transporte adecuado para as persoas citadas desde outro partido xudicial ou provincia distinto ao da sede da Sección correspondente.
O servizo será prestado pola Federación de Autónomos do Taxi de Galicia (FEGATAXI), que xa conta con experiencia en traslados de mulleres vítimas de violencia de xénero, garantindo profesionalidade, seguridade e confidencialidade.
O proceso de solicitude realízase por vía electrónica a través dun formulario normalizado, a petición dos órganos xudiciais, Oficinas de Asistencia ás Vítimas ou Forzas e Corpos de Seguridade. Unha vez efectuado o traslado, entregarase un certificado electrónico de execución asinada polo Letrado da Administración de Xustiza ou o Fiscal correspondente.
Novo apartado dispoñible na Intranet de Xustiza
Para facilitar o traballo do persoal e centralizar toda a información, creouse unha nova páxina na Intranet de Xustiza, con toda a información do servizo de traslado.
Podes acceder desde o menú superior "Medios > Servizo de traslado ás Seccións de Violencia sobre a Muller" ou desde esta ligazón. Nesta páxina están dispoñibles tanto o protocolo de actuación, como os formularios de solicitude e certificación.
CSIF JUSTICIA, POR TI CONTIGO
SEGUIREMOS INFORMANDO