CSIF denuncia que o atraso nas listas de contratación xa deixa postos sen cubrir nos centros da Xunta e ameaza as coberturas do Nadal
5 de noviembre de 2026
O sindicato esixe á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal a publicación inmediata das listas pendentes de cociña, auxiliares de clínica e ATS/DUE.
Vigo, 4 de novembro de 2026.- CSIF alerta de que a demora na actualización das listas de contratación de persoal de cociña, auxiliares de clínica e ATS/DUE pode comprometer a cobertura de baixas e vacacións durante o Nadal, nun momento no que estas categorías xa presentan importantes dificultades para cubrir as necesidades dos centros da Xunta de Galicia. A situación xa está a ter consecuencias.
No CEIP Igrexa de Valadares, a baixa da cociñeira titular desde o pasado 26 de outubro deixou o comedor escolar sen cobertura deste posto, obrigando o resto do persoal de cociña a asumir unha carga de traballo moi superior para manter o servizo e atender todo o alumnado.
Segundo denuncia CSIF, a demora na publicación das listas impide incorporar persoas que solicitaron formar parte delas e aboaron as taxas correspondentes entre o 1 de marzo e o 30 de abril, pero que aínda non figuran nas relacións de persoas integrantes.
O sindicato advirte de que a situación pode agravarse coa chegada das vacacións de Nadal, cando os centros necesitarán cubrir numerosas ausencias e non dispoñerán de listas actualizadas que permitan realizar as substitucións con axilidade.
«Non podemos chegar ao Nadal sen capacidade para cubrir as baixas e as vacacións. A Administración coñece esta problemática desde hai meses e ten que actuar xa. Non é admisible que haxa centros con necesidades de persoal mentres existen persoas dispostas a traballar que seguen pendentes de incorporación ás listas», denuncia CSIF.
Por todo iso, o sindicato esixe á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal a publicación inmediata das listas pendentes, a incorporación das persoas aspirantes que cumpriron os requisitos e a cobertura urxente das necesidades de persoal dos centros.
CSIF: NON FALTAN PERSOAS DISPOSTAS A TRABALLAR. FALTA AXILIDADE NA XESTIÓN DAS LISTAS DE CONTRATACIÓN.