CSIF denuncia unha nova improvisación da Xunta na elección de destinos das escalas sociosanitarias
- Otros artículos
13 de julio de 2026
CSIF denuncia a falta de planificación da Xunta de Galicia tras modificar a última hora o calendario da elección de destinos das escalas sociosanitarias, xerando incerteza e dificultando a organización das persoas aspirantes.
Segundo comunicou a Administración por “razóns técnicas”, o inicio do proceso de elección de destinos retrásase ao martes 14 de xullo de 2026, data na que tamén se publicará no DOG a modificación da resolución do 3 de xullo para corrixir as incidencias detectadas.
As escalas afectadas por este cambio son:
- A1: Medicina, Psicoloxía e Pedagoxía.
- A2: Enfermaría, Fisioterapia, Traballo Social, Terapia Ocupacional e Educación Social.
- C1: Escala Técnica de Gobernante/a.
- C2: Escala Auxiliar de Clínica.
A Administración establece un prazo de apenas tres días hábiles para a elección de destino, entre os días 14 e 16 de xullo de 2026, contabilizando os tres días desde o mesmo día da publicación no DOG. Deste xeito, o prazo rematará ás 23:59 horas do día 16.
Para CSIF, esta decisión evidencia unha vez máis a ausencia de previsión por parte da Xunta, que modifica o calendario cando milleiros de persoas xa tiñan organizada a súa asistencia ao proceso. Ademais, a organización sindical considera que estes cambios de última hora introducen inseguridade nun procedemento que debería ofrecer todas as garantías ás persoas participantes.
CSIF considera claramente insuficiente un prazo de só tres días hábiles para realizar a elección de destino despois das modificacións introducidas pola propia Administración e reclama:
- Máis planificación nos procesos selectivos.
- Máis transparencia na xestión das incidencias.
- Máis garantías para as persoas aspirantes.
- Respecto polos dereitos e polo tempo das persoas participantes.
Desde CSIF esiximos á Xunta que abandone a improvisación e adopte medidas que permitan desenvolver os procesos selectivos con seguridade xurídica, previsión e respecto ás persoas aspirantes.