Avances na negociación do SPIF, pero sen acordo para parte do persoal fixo descontinuo
- Otros artículos
30 de junio de 2026
As organizacións sindicais CSIF, CCOO e UGT mantivemos unha reunión onte coa Consellería do Medio Rural na que se abordaron diversos asuntos de interese para o persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF):
Con carácter previo, a Consellería nos informa das cuestións solicitadas por CSIF, CCOO e UGT na anterior reunión:
- Está autorizada por parte de Función Pública a excepcionalidade de prorrogar un ano (por estar incluídas esas prazas nos procesos selectivos pendentes), as 17 prazas de interinos que compren 3 anos de contrato.
- De igual xeito, autorizouse a adenda dos contratos de persoal laboral.
- Ofertáronse 3 prazas de Xefe de Brigada e 1 de Bombeiro Forestal en comisión de servizo estando resoltas as mesmas.
- Neste intres temo cuberto algo máis do 99 % de prazas.
1. Aplicación da Disposición Adicional 1ª do Acordo de Condicións de Traballo do persoal funcionario do SPIF ao persoal fixo descontinuo
A Administración presentou unha proposta económica para a aplicación da Disposición Adicional 1ª ao persoal laboral fixo descontinuo, establecendo as seguintes contías, repartidas en 3 anualidades (ano 2026: 50 % do importe dende o 1 de xullo; 2027: 75 %; 2028: 100 %):
- Técnico Superior de Incendios: 220 €
- Técnicos Forestais: 200 €
- Bombeiros Forestais Xefes de Brigada: 180 €
- Bombeiros Forestais Condutores de Motobomba e Oficiais: 160 €
- Vixilantes, Emisoristas, Bombeiros Forestais e Bombeiros Forestais Condutores: 140 €
CCOO, CSIF e UGT manifestamos o noso desacordo coa proposta presentada para as categorías de Vixilante, Emisorista, Bombeiro Forestal, Bombeiro Forestal Condutor, solicitando que se manteñan exactamente as mesmas contías recollidas no Acordo do persoal funcionario, é dicir:
160 euros por cada grupo de dous domingos ou festivos traballados para todas estas categorías.
Para o resto das categorías consideramos aceptables as contías e prazos propostos pola Administración (dado que son as mesmas que o persoal funcionario).
Así mesmo, solicitamos a retirada do cuarto parágrafo da proposta presentada, no que se fai referencia a cuestións «relativas á xornada, quendas, descansos, vacacións, servizos máximos e organización do traballo, que serán analizadas no marco da revisión do acordo do SPIF». Entendemos que estas materias deben ser obxecto dunha negociación específica e, se é o caso, facer as modificacións necesarias no V Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta de Galicia.
Ademais, cómpre lembrar que a gran maioría do persoal laboral fixo descontinuo xa está a realizar os mesmos horarios e quendas que o persoal funcionario do SPIF.
2. Creación da Unidade Batracio de Becerreá
A Consellería informou da situación da Unidade Batracio de Becerreá, composta actualmente por 29 traballadores e traballadoras con diferentes modalidades de contratación.
Segundo a Administración, o ámbito de actuación desta unidade é autonómico, requirindo unha ampla dispoñibilidade territorial, polo que consideran necesario avanzar na súa regularización.
Desde a parte sindical trasladamos que esta regularización debe facerse extensiva non só á Unidade Batracio de Becerreá, senón tamén ao resto das unidades similares existentes noutros distritos forestais, aínda que conten cun número menor de compoñentes.
Neste sentido, defendemos a necesidade de crear formalmente estas unidades mediante a dotación das correspondentes prazas nos cadros de persoal, así como a regulación das súas condicións laborais, xornada, horarios e demais aspectos organizativos.
3. Plan de mellora de infraestruturas
A Consellería informou dos traballos que están a desenvolver para a mellora das infraestruturas do SPIF, actuando en dúas liñas diferenciadas:
- Por unha banda, a construción de edificacións destinadas ás Bases de Unidade Operativa (BUO) nas catro provincias galegas.
- Por outra, o alugueiro de naves destinadas a funcionar como puntos de encontro e apoio operativo.
Segundo explicou a Administración, a execución das BUO require uns prazos máis longos ao estar vinculada á tramitación de fondos europeos. Pola contra, o alugueiro de naves permite unha resposta máis rápida ás necesidades actuais do servizo.
Como exemplos desta segunda vía, indicouse a nave xa alugada en Sarria (Lugo) e a próxima actuación prevista en Chantada, dentro do Distrito Forestal VIII Terra de Lemos.
CCOO, CSIF e UGT continuaremos facendo seguimento destes asuntos e trasladando as reivindicacións do persoal para garantir unhas condicións laborais dignas e unha adecuada organización dos medios humanos e materiais do SPIF.
NOTA CONXUNTA CCOO-CSIF-UGT REUNIÓN CONSELLERÍA MEDIO RURAL 29-06