A Inspección de Traballo obriga á Xunta a avaliar os riscos psicosociais no CRAPD Vigo I
- Otros artículos
20 de enero de 2026
A Inspección de Traballo obrigou á Xunta de Galicia a realizar unha avaliación dos riscos psicosociais no CRAPD de Vigo I, como consecuencia da denuncia presentada polo comité de empresa ante a situación insostible que vive o persoal desde a incorporación de pacientes psiquiátricos e con problemas de adiccións nas residencias de maiores.
A avaliación enmárcase nas actuacións de prevención de riscos laborais e será desenvolvida coa participación dos Delegados de Prevención e a Dirección do centro. O obxectivo é identificar os riscos psicosociais aos que pode estar exposto o persoal no desempeño do seu traballo diario e adoptar medidas para eliminar, reducir ou minimizar o seu impacto.
Os riscos psicosociais están relacionados coa organización e o contido do traballo, así como coa forma de realizar as tarefas, e poden afectar gravemente á saúde física, psíquica e social das persoas traballadoras. Entre as consecuencias máis habituais atópanse o estrés, a ansiedade, a depresión, trastornos cardiovasculares e inmunitarios, dores musculares ou problemas dixestivos.
Para levar a cabo esta avaliación empregarase o método FPSICO do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde Laboral, unha ferramenta con validez científica contrastada que permite identificar e valorar estes riscos e propoñer melloras nas condicións de traballo. O proceso inclúe a participación activa do persoal a través dun cuestionario anónimo e confidencial, cuxos datos serán tratados por persoal técnico suxeito ao deber de segredo profesional.
Unha das fases clave do proceso é a creación dun grupo de traballo, formado por representantes do persoal e do propio centro, co asesoramento técnico do Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Este grupo constituíuse o pasado 11 de decembro de 2025 e xa planificou as distintas fases da intervención. Nel participa Montse Rodríguez, delegada de Prevención de Riscos Laborais por CSIF.
Os cuestionarios serán distribuídos e cubertos “in situ” en horario laboral, nun espazo habilitado no propio centro, e entregados individualmente con acuse de recibo en sobre pechado. As datas previstas para a súa realización son os días 2, 4, 6, 9, 11 e 13 de febreiro, entre as 11.30 e as 15.30 horas, organizándose por quendas para facilitar a participación de todo o persoal.
Desde CSIF faise un chamamento a unha alta participación e a responder o cuestionario de forma sincera e individual, xa que só así será posible detectar os problemas reais existentes e esixir melloras efectivas nas condicións de traballo. Unha avaliación rigorosa é imprescindible para garantir a saúde laboral e a seguridade do persoal do CRAPD Vigo I.