Representantes de CISF Ensino asisten á presentación da guía de boas prácticas: Prevención das boas prácticas da voz no ámbito laboral

  • Prevención de Riesgos Laborales

20 de octubre de 2025

O pasado 15 de outubro, representantes de CSIF Ensino asistiron no Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) da Coruña á presentación da nova guía titulada “Prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral. Guía de boas prácticas”.

Esta publicación, elaborada polo ISSGA en colaboración con profesionais da logopedia e da medicina do traballo, pretende ofrecer ferramentas de prevención e sensibilización fronte aos riscos asociados ao uso continuado da voz en diferentes profesións. Entre elas, o colectivo docente é un dos máis afectados, xa que a voz constitúe o seu principal instrumento de traballo.

Conclusións e recomendacións para o profesorado

A guía destaca que o exceso de horas lectivas, a falta de pausas entre clases, a inadecuada ventilación das aulas e a ausencia de formación específica sobre o uso e coidado da voz son os principais factores de risco entre o persoal docente.

Como medidas preventivas, recoméndase:

  • Avaliar a carga vocal á que está exposto o profesorado e equilibrar o reparto de horas lectivas.

  • Dispoñer de medios técnicos que reduzan o esforzo vocal, como micrófonos, altofalantes ou encerados dixitais.

  • Controlar o ruído ambiental e mellorar a acústica e ventilación das aulas.

  • Fomentar o consumo regular de auga e os descansos vocais durante a xornada.

  • Impulsar programas de formación teórico-práctica sobre o uso adecuado da voz e a súa hixiene.

Tamén se fai fincapé na importancia de realizar exercicios para quecer e arrefriar a voz, manter unha postura corporal axeitada, evitar falar mentres se emprega o borrador ou o xiz e non forzar a voz nos períodos de descanso.

Compromiso de CSIF Ensino

Desde CSIF Ensino reafírmase o compromiso coa seguridade e saúde laboral do profesorado, poñendo en valor este tipo de iniciativas que contribúen a previr patoloxías profesionais recoñecidas, como os nódulos nas cordas vocais.

A organización considera imprescindible que a Administración educativa adopte medidas de protección específicas e promova accións formativas periódicas en materia de saúde vocal para todo o persoal docente galego.

ARCHIVOS ADJUNTOS

COMPARTIR