16.200 sinaturas en contra do acordo de renuncias do ensino
15 de febrero de 2024
CSIF Ensino salienta o éxito desta campaña e asegura que envía unha mensaxe clara ao próximo goberno: a revisión do dito acordo debe estar entre os primeiros asuntos da súa axenda

CSIF Ensino participou esta mañá na rolda de prensa de presentación das 16.200 sinaturas recollidas na campaña conxunta con STEG e CIG "Alzar a voz, tomar a palabra" contra o acordo de renuncias asinado por una minoría da representación sindical co actual goberno da Xunta, "unha campaña que evidencia, co seu éxito de participación, o non rotundo da maioría do profesorado galego ao dito acordo", afirmou Rosa Silva, como voceira da central sindical.
Silva insistiu no éxito do número de sinaturas acadado e afirmou que envía unha mensaxe clara á cidadanía e aos políticos: "O profesorado non se vende. Berrámolo nas rúas a finais do pasado ano, berrámolo a través de dúas xornadas de folga e volvemos berralo agora coa presentación destes milleiros e milleiros de sinaturas".
Para a voceira de CSIF, o ruido electoral das últimas semanas non deixou moita marxe aos problemas reais do ensino en Galicia e dos seus traballadores e traballadoras, por iso aproveitou para facer un chamamento, emprazar ao próximo goberno, "sexa da cor que sexa", a que entre as prioridades da axenda, de xeito inmediato, estea convocar unha reunión para revisar e mudar "este acordo de renuncias" polo auténtico "acordo de dereitos" que a inmensa maioría da comunidade docente está a reclamar.
"Desde CSIF -engadiu- cremos no diálogo e amosamos sempre a nosa enteira disposición a que todas as partes sentaran falar para buscar pontos de encontro que permitisen reconsiderar os aspectos máis lesivos do acordo e incorporar demandas fundamentais, irrenunciables, como as ratios, a carga burocrática, etc pero non foi posible. Non só non foi posible senón que se nos botou da consellería".