CSIF reclama á Xunta unha revisión urxente do funcionamento das listas de contratación tras detectar graves disfuncións

17 de noviembre de 2026

- O sindicato advirte de que profesionais con maior puntuación están a recibir contratos dun ou dous días mentres vacantes de longa duración acaban en persoas peor situadas nas listas.

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026.- CSIF presentou un escrito ante a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal para reclamar unha revisión urxente do funcionamento das listas de contratación temporal da Xunta, tras detectar importantes disfuncións na cobertura de vacantes e contratos.

Hai apenas dúas semanas, o sindicato xa advertira de que o atraso na actualización das listas estaba a deixar postos sen cubrir e podía comprometer as coberturas previstas para o Nadal. Agora, denuncia que está a recibir numerosas queixas de persoas integrantes das listas de diferentes categorías profesionais, entre elas auxiliares de enfermaría, auxiliares de cociña, oficiais de cociña e outras, que malia contar con maior puntuación e experiencia, reciben ofertas de contratación de só un ou dous días, mentres vacantes e contratos de longa duración son adxudicados a persoas peor situadas ou mesmo sen experiencia laboral previa na Xunta de Galicia.

CSIF tamén alerta de que determinadas vacantes poderían acabar sendo ofertadas ao Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) existindo persoas dispoñibles nas propias listas da Xunta, unha situación que considera inaceptable. 

No escrito presentado, o sindicato solicita unha revisión inmediata do sistema de cobertura de vacantes, garantías de respecto á orde de prelación, unha auditoría dos chamamentos realizados nos últimos meses e a adopción das medidas necesarias para corrixir as posibles disfuncións detectadas. 

CSIF considera que esta situación está a xerar unha evidente sensación de inxustiza entre as persoas integrantes das listas e reclama á Xunta unha actuación inmediata para garantir un sistema de contratación transparente, obxectivo e respectuoso cos criterios de puntuación e prelación.

ARCHIVOS ADJUNTOS

COMPARTIR