CSIF solicita de xeito urxente a revisión e posible modificación dos indicadores das avaliacións en infantil

  • Prensa y Comunicación
  • Notas de prensa y comunicaciones

13 de diciembre de 2023

CSIF ENSINO quere manifestar a total desconformidade do profesorado de Educación Infantil co sistema de avaliación derivado do programa PROENS co que se debe elaborar o boletín trimestral de información ás familias (resultante do XADE), solicitando que sexa revisado con urxencia, xa que na maioría dos centros que imparten a etapa de Educación Infantil, traballan por proxectos que se extenden ao longo de todo o curso, o que implica un boletín con un número moi elevado de indicadores, entre 40-50, sendo nalgúns casos incluso máis. Non ten sentido que as familias reciban nesta etapa un boletín con semellante número de indicadores.

 

Baixo o noso criterio como docentes, estes indicadores nin sequera son os máis axeitados para este grupo de idade e a súa redacción obrigará ao profesorado a investir un tempo desproporcionado respecto á información útil que realmente van achegar aos pais e nais.

 

Estamos ante un novo exemplo do incremento irracional da burocracia á que estamos obrigados os docentes, facendo un traballo de volcado de ítems que, debido ao seu inxente número e ao non estar adaptados á etapa de infantil, os pais e nais non serán quen de comprender nin asimilar.

 

Desde CSIF ENSINO propoñemos como alternativa, alomenos, que o profesorado poida facer unha selección máis axeitada e reducida dos ítems, seleccionando aqueles que, segundo o seu criterio como profesionais do ensino, consideren máis axeitados para o seu grupo de alumnos e alumnas e para cada trimestre.

 

Solicitamos por todo o exposto anteriormente que con urxencia e premura, sexa revisado este sistema para permitir a escolla por parte do profesorado de Educación Infantil de aqueles indicadores que baixo o seu criterio docente considere realmente acaídos para as familias do alumnado desta etapa.

Desde CSIF ENSINO entendemos que este sería un primeiro paso que poñería de manifesto a vontade negociadora da Consellería para a simplificación das tarefas burocráticas nos centros educativos, tal e como se comprometeu no recente acordo asinado en aras da redución da burocracia.

 

 

 

 


 

 

 

COMPARTIR