CSIF, CCOO e UGT iniciarán o 10 de xuño unha campaña de mobilizacións contra “a deriva autoritaria” da Xunta e o deterioro da función pública

  • Prensa y Comunicación

29 de maio de 2026

As tres organizacións sindicais denuncian recortes de dereitos, imposicións sen negociación e o bloqueo de melloras laborais para o persoal público galego.

 CSIF, CCOO e UGT iniciarán o vindeiro 10 de xuño unha campaña de mobilizacións fronte á “deriva autoritaria” da Xunta, os recortes de dereitos laborais e o “desprezo continuado” á negociación colectiva na Administración autonómica. A primeira acción será unha concentración en San Caetano, coa que as tres organizacións pretenden visibilizar o crecente malestar existente entre o persoal empregado público.

Os sindicatos denuncian que a Administración galega está a impor decisións unilaterais, sen vontade real de consenso nin diálogo social, o que está a provocar un deterioro progresivo das condicións laborais e da calidade dos servizos públicos.

Durante a rolda de prensa celebrada este venres en Santiago, interviron os representantes sindicais Juan Carlos Rivas, por CSIF; Javier Lareu, por CCOO; e  Irene Martínez, por UGT, quen coincidiron en alertar dun “retroceso preocupante” en dereitos laborais e no funcionamento da propia Administración autonómica.

As organizacións sindicais sinalaron como exemplos recentes desta situación a modificación do decreto de listas de contratación temporal pese ao rexeitamento sindical, o “caos” xerado en numerosos procesos selectivos e concursos de traslados por atrasos e falta de planificación, así como a decisión de devolver a SEAGA a xestión das brigadas de prevención e defensa contra incendios forestais.

CSIF, CCOO e UGT reclaman a suspensión da reforma do decreto de listas, a axilización e resolución definitiva dos procesos de oposición, estabilización e concursos con plena seguridade xurídica, así como o reforzo do persoal do SPIF baixo xestión directa da Consellería.

Así mesmo, esixen avances efectivos en cuestións comprometidas e pendentes de negociación, entre elas a implantación da xornada laboral de 35 horas, a apertura dun novo acceso extraordinario á carreira profesional, o desenvolvemento do grupo B de clasificación profesional, a implantación real do concurso aberto e permanente ou a mellora das condicións laborais en ámbitos como medio ambiente, educación ou política social.

As tres organizacións sindicais defenderon ademais a necesidade de manter unha resposta “unitaria e coordinada” fronte ao deterioro da función pública galega e remarcaron que esta campaña de mobilizacións se desenvolverá durante os próximos meses.

CSIF, CCOO e UGT fixeron un chamamento ao conxunto do persoal empregado público para participar activamente nas distintas accións que se convocarán proximamente, así como á cidadanía galega “en defensa duns servizos públicos dignos e de calidade”.

COMUNICADO CONXUNTO

COMPARTIR