CSIF e demais sindicatos de Sanidade plantan ao Sergas na Mesa Sectorial e acusan á consellería de bloquear as negociacións
- Prensa y Comunicación
30 de setembro de 2025
CSIF, CIG-Saúde, CCOO e UGT advirten que non descartan medidas de presión.

Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025. As organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial do SERGAS (CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT) denuncian a actitude de bloqueo da administración sanitaria, que continúa a encher a mesa de contido baleiro e exclusivamente administrativo, sen abordar nin un só dos problemas reais que afectan ao persoal do sistema sanitario público galego.
Nun momento clave, coa preparación dos orzamentos da Xunta, o SERGAS négase a negociar o plan de ordenación de atención primaria e hospitalaria, o que fai prever que tampouco se incluirá a necesaria dotación orzamentaria para garantir cadros de persoal axeitados ás necesidades asistenciais.
As organizacións sindicais lembran que, a estas alturas do ano, o persoal de atención primaria segue sen coñecer os seus calendarios laborais para o 2026, nin hai data para a súa negociación. Ademais, o propio SERGAS incumpriu o calendario de traballo comprometido a principios de ano, do que apenas executou un 20%.
A esta situación engádese que o SERGAS paralizou os cómputos de xornada en todas as xerencias por non ser quen de interpretar o acordo de xornada vixente. Esta decisión está a provocar que o persoal, tanto de atención primaria como hospitalaria, acumule unha débeda de xornada e vese abocado a recorrer aos tribunais para defender os seus dereitos.
Outra explicación sería que o goberno de Rueda utilizou e enganou ás traballadoras e traballadores asinando un acordo de xornada moi beneficioso para o persoal do SERGAS en vésperas das eleccións autonómicas, que se encargou de publicitar para favorecer o voto a través de SMS de texto, sen ter intención real de aplicalo.
Por todo isto, CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT plantáronse ante o SERGAS e o Conselleiro de Sanidade, reclamando:
- Unha negociación real e efectiva das condicións laborais.
- O recoñecemento e valoración das traballadoras e traballadores da sanidade pública.
- A garantía de condicións laborais dignas e acordes á responsabilidade do servizo prestado á cidadanía.
As organizacións sindicais advirten que, de non producirse un cambio inmediato na actitude da administración, non descartan a adopción de medidas de presión, dado que a situación actual é insostible.