Medidas consolidadas para mellorar o ensino público galego froito do diálogo e da negociación
- Negociaciones y acuerdos
29 de maiatza de 2026
CSIF, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP asinamos coa Consellería de Educación unha addenda ao Acordo sobre Medidas de Mellora e unha modificación do Acordo de Catálogos de Infantil e Primaria que consolidan avances fundamentais para o profesorado e para a calidade do ensino público galego.
A sinatura da addenda ao Acordo e da modificación do Acordo de Catálogos de Educación Infantil e Primaria (que databa do 2007) permite garantir novas medidas estruturais que melloran as condicións de traballo do profesorado, reforzan a atención educativa ao alumnado e consolidan emprego docente estable nos centros públicos galegos. Todo isto nun contexto de descenso da natalidade, pero ao mesmo tempo, de notable incremento das necesidades educativas do alumnado.
En concreto, o acordo asinado hoxe garante:
- A recuperación das 18 sesións lectivas para o profesorado de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e ensinanzas tanto de réxime especial como de persoas adultas, mellorando as condicións existentes con anterioridade ao ano 2012.
- A fixación de 23 sesións (como máximo) de permanencia semanal no centro, avanzando cara a unha organización horaria máis equilibrada e homologable ás mellores condicións existentes no Estado.
- O recoñecemento, por primeira vez, da función titorial con redución de horario lectivo, unha demanda histórica do profesorado e das organizacións asinantes.
- A mellora da regulación horaria das funcións de coordinación, responsabilidades organizativas e atención ás necesidades reais dos centros.
- A modificación do Acordo de Catálogos de Infantil e Primaria de 2007, que permitirá incrementar o profesorado permanente e estable de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Coa consolidación de máis persoal especialista de atención á diversidade, reducindo a dependencia de reforzos conxunturais e dando estabilidade aos cadros de persoal dos centros.
Estas medidas non son unha retaíla de demandas, nin unha declaración de intencións, nin unha promesa pendente de desenvolvemento futuro. Son acordos asinados, con aplicación inmediata en Galicia para o curso 26/27, froito da negociación colectiva e do traballo continuado das organizacións sindicais asinantes.
Nun momento no que a redución dos horarios lectivos e das ratios forma parte do debate estatal, Galicia adiántase e garante por acordo medidas que aínda non están aprobadas no ámbito do Estado. O proxecto de lei estatal continúa a súa tramitación parlamentaria con serias dificultades e, polo tanto, non existe neste momento ningunha garantía de que esas medidas se aproben finalmente nos termos previstos nin nos prazos anunciados.
Fronte á incerteza estatal, en Galicia hai acordo, hai calendario e hai medidas concretas.
Tamén nun contexto no que noutros territorios se enquistan situacións de folga, conflito aberto e falta de acordo arredor das condicións de traballo do profesorado, as organizacións asinantes demostramos que a negociación seria, constante e sostida no tempo permite acadar avances reais para os centros, para o profesorado e para o alumnado na nosa comunidade.
A mobilización e a presión sindical son ferramentas lexítimas e necesarias cando serven para abrir camiños de negociación. Pero os dereitos consolídanse cando as reivindicacións se transforman en acordos asinados, en normas aplicables e en melloras efectivas nos centros educativos.
O acordo de hoxe dá continuidade ao camiño iniciado e consolida avances que xa permitiron frear recortes, evitar o peche de aulas, reforzar o emprego docente, reducir horarios lectivos, avanzar na redución de ratios, mellorar retribucións e fortalecer a atención á diversidade; agora dáse un novo paso coa recuperación das 18 sesións lectivas en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial, o recoñecemento horario da función titorial e o incremento estable de profesorado de PT e AL, medidas que melloran a organización do traballo docente, reforzan a atención ao alumnado e consolidan unha resposta máis eficaz e continuada ás necesidades educativas dos centros.
As organizacións asinantes valoramos especialmente que estas medidas teñan carácter estrutural. Non falamos de parches nin de actuacións illadas, senón de cambios que modifican a organización do sistema e que terán impacto directo no funcionamento dos centros públicos galegos.
Este acordo é froito da unidade sindical de CSIF, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP no marco do Acordo sobre Medidas de Mellora. Unha unidade construída arredor de obxectivos concretos, propostas viables e traballo negociador rigoroso. Unha unidade sempre aberta a seguir sumando, pero centrada en conseguir resultados útiles para o profesorado e para o ensino público.
Queda traballo por facer. Seguiremos reclamando novas melloras na redución de ratios, na atención á diversidade, na redución da burocracia, na organización dos centros, na saúde laboral, nas condicións do profesorado de todas as etapas e na dotación de medios humanos suficientes.
Pero hoxe é un día importante para o ensino público galego.
Porque o que durante anos foi unha demanda sindical e profesional pasa a converterse en acordo asinado.
Porque Galicia garante medidas que noutros lugares aínda son obxecto de conflito ou de tramitación incerta.
E porque demostramos que a negociación colectiva, cando se exerce con responsabilidade, firmeza e unidade, mellora as condicións laborais do profesorado e reforza a calidade do ensino público.
CSIF, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP seguiremos traballando para completar o desenvolvemento do Acordo sobre Medidas de Mellora e para continuar avanzando nun ensino público galego con máis profesorado, mellores condicións laborais e máis recursos para atender mellor o alumnado.
```