CSIF Ensino chama á unidade sindical para defender a educación pública e esixir melloras estruturais
- Prensa y Comunicación
- Notas de prensa y comunicaciones
12 de iraila de 2025
-O sindicato esixe reforzos, desdobres, dignificación docente e recuperación de horarios previos aos recortes para garantir a calidade educativa.
-CSIF Ensino subliña que só unha acción coordinada e unitaria dos sindicatos garantirá que a presión ante as administracións sexa efectiva e tradúzase en melloras reais para o profesorado.
-O sindicato fai un chamamento a tódalas organizacións sindicais presentes na Mesa do Ámbito de Educación para preparar mobilizacións se o Ministerio non atende ás súas reivindicacións tras a reunión do próximo día 23.

CSIF Ensino fai un chamamento á unidade sindical como a vía imprescindible para garantir a atención ás demandas do profesorado e presionar ás administracións para tomar medidas que poñan fin ás deficiencias estruturais que, ano tras ano, se cronifican e comprometen a calidade do ensino. O sindicato lamenta que, un curso máis, o inicio do ano escolar prodúzase con graves carencias de profesorado, exceso de burocracia, cocientes elevadas e incumprimento de compromisos coa comunidade educativa.
A organización subliña que o profesorado, piar fundamental da educación pública, traballa nun contexto de recursos insuficientes, incremento das esixencias administrativas e progresiva desvalorización do seu labor. “Chegou o momento de escoitar as súas demandas e actuar con decisión”, recalcan desde CSIF Ensino. Tamén a nivel nacional, CSIF apelou á unidade de todas as organizacións sindicais presentes na Mesa do Ámbito de Educación para preparar mobilizacións se o Ministerio non atende ás súas reivindicacións e realiza melloras no sistema educativo tras a reunión do próximo día 23.
Entre as prioridades marcadas polo sindicato en Galicia atópanse a dotación suficiente de docentes en todos os centros, reforzos e desdobres reais para atender á diversidade, eliminación da burocracia innecesaria, dignificación e recoñecemento social e retributivo do profesorado, redución efectiva das ratios e recuperación do horario lectivo previo aos recortes.
Incidencias
CSIF Ensino alerta sobre situacións que se están repetindo en numerosos centros, como ausencia de mestres de apoio en Infantil a pesar de contar con tres unidades abertas; falta de especialistas de AL en centros con nove unidades e aula específica; inexistencia de PT titor nas unidades de educación especial habilitadas; nomeamentos de docentes sen titulación correspondente para materias afíns; horarios provisionais sen fixar; incumprimentos dos acordos de xornada completa e ponderacións en aulas con alumnado con necesidades educativas especiais.
En Secundaria, denuncia aulas con ata 30 alumnos na ESO, con alumnado repetidor e casos de elevada atención á diversidade. Ademais, persisten problemas de infraestrutura —como centros sen pavillón para educación física— e un exceso de carga burocrática, especialmente ligada ao comedor escolar, que resta tempo á docencia. CSIF Ensino lembra tamén que moitos docentes traballan 230 minutos máis á semana que o profesorado dos IES, con sesións de 60 minutos que vulneran o principio “a igual traballo, igual salario”.
Taxas Interinidade
Segundo datos feitos públicos por CSIF en rolda de prensa nacional, a taxa media de interinidade do profesorado alcanzou en xuño de 2025 o 32,41 %, incumprindo a Lei de Estabilización e os límites marcados por Bruxelas. Aínda que Galicia presenta mellores indicadores que outras comunidades, a inestabilidade e o déficit estrutural de persoal é común ao conxunto do estado e obriga a convocar 199.691 prazas de emprego público en todos os corpos docentes. A organización advirte de que, sen reformas que estabilicen persoal, fagan atractiva a profesión docente e modifiquen o sistema de acceso, seguirá aumentando a temporalidade e quedarán prazas desertas, como ocorreu este verán cun 24 % sen cubrir de media, entorno ao 19% en Galicia.
Compromiso co futuro, compromiso coa educación
Para a organización sindical, estas carencias repercuten directamente na calidade do ensino e vulneran o principio de igualdade de oportunidades do alumnado galego. “As nosas demandas non son caprichos nin peticións desproporcionadas; son condicións básicas para garantir un sistema educativo público, equitativo e de calidade. Atendelas significa apostar polo futuro da sociedade e pola dignidade dunha profesión que leva demasiado tempo esquecida”, sinalan desde CSIF Ensino.
O sindicato reafirma o seu compromiso co sector, pero advirte: “compromiso co futuro si, compromiso coa educación si, agora, máis que nunca é hora de escoitar ao profesorado e a mellor forma de facelo é actuando con unidade sindical”. Rexistro de Incidencias CSIF Ensino lembra que mantén aberto na súa páxina web o seu rexistro de incidencias para o curso 2025-2026, co fin de recompilar de primeira man os problemas que afectan os centros educativos e poder darlles resposta, tal e como xa fixo en cursos pasados.