Centos de empregados e empregadas públicas da Administración galega apoiaron hoxe a mobilización, convocada por CSIF, UGT e CCOO, fronte á sede da Xunta contra o recorte de dereitos e por uns servizos públicos de calidade
- Prensa y Comunicación
10 de junio de 2026
CSIF, UGT e CCOO denuncian falta de vontade real para acadar consensos, a imposición sistemática de medidas sen un marco real de negociación e perda de dereitos na Administración da Xunta de Galicia.
Centos de empregados e empregadas públicas da Administración galega apoiaron esta mañá a concentración convocada por CSIF, UGT e CCOO fronte á sede da Xunta en Santiago contra o recorte de dereitos e por uns servizos públicos de calidade.
As tres organización sindicais denuncian a crecente deriva da Administración autonómica con actuacións e omisións que reflicten unha forma de proceder baseada na imposición, recorte de dereitos e a ausencia dun marco real de negociación colectiva, debilitando gravemente as relacións laborais no ámbito da Administración galega.
As decisións adoptadas nos últimos meses evidencian un preocupante retroceso en materias esenciais vinculadas á negociación colectiva, á seguridade xurídica, á transparencia e ás condicións laborais do conxunto das traballadoras e traballadores públicos que producen un progresivo deterioro dos servizos públicos.
Todo isto ocorre ignorando de maneira reiterada as demandas e advertencias das organizacións sindicais representativas do persoal empregado público, cun desprezo continuo das propostas sindicais, cunha imposición sistemática de decisións unilaterais, ausencia real de negociación e falta de vontade para acadar consensos. O que evidencia unha preocupante dinámica autoritaria incompatible cunhas relacións laborais baseadas no diálogo social e no respecto institucional.
Sinalar como exemplos recentes, entre outros, a imposición da modificación do decreto de listas de contratación temporal pese ao voto en contra das tres organizacións sindicais presentes na negociación, vulnerando calquera vontade real de consenso e reducindo garantías e dereitos do persoal afectado; ou, o auténtico caos xerado na resolución de numerosos procesos selectivos finalizados e no concurso de traslados, con atrasos, falta de transparencia, ausencia de planificación e unha xestión deficiente que está provocando inseguridade e incerteza entre milleiros de persoas aspirantes e empregadas públicas; ou a incomprensible decisión de devolver a SEAGA a xestión das brigadas para a prevención e defensa de incendios forestais, xa que en 2019 foi a propia Xunta de Galicia a que decidira integrar os efectivos de incendios forestais de SEAGA ao Servizo de prevención incendios da Consellería de medio rural.
CSIF, UGT e CCOO demandamos a suspensión da reforma do Decreto de listas, a axilización e resolución definitiva dos procesos de concurso, OPE e estabilización coa máxima seguridade xurídica, e reforzar o persoal de SPIF con xestión directa da Consellería, así como a negociación de cuestións esenciais comprometidas, entre outras:
• A transposición efectiva de medidas xa acordadas a nivel estatal, como a implantación da xornada de 35 horas.
• A apertura dun novo acceso extraordinario á carreira profesional.
• A posta en marcha do sistema ordinario de carreira profesional.
• O desenvolvemento e aplicación do grupo B de clasificación profesional.
• Un verdadeiro impulso e cambio de paradigma en materia de promoción interna e acceso o emprego público.
• A implantación real do concurso aberto e permanente.
• A ampliación do ámbito de aplicación de coeficientes redutores a outras especialidades e categorías dos servizos de extinción de incendios, medio ambiente, gardacostas…
• A apertura das mesas de negociación pendentes para abordar as condicións de traballo do persoal funcionario de ámbitos como persoal non docente de educación ou medio ambiente.
• Avances reais e efectivos nas mesas de traballo derivadas do acordo de política social.
• Avances concretos nas mesas de negociación abertas na Consellería do Medio Rural.
As tres organizacións sindicais entendemos que a situación require unha actuación organizada dende a unidade de acción coa finalidade de normalizar o diálogo e as relacións laborais e mellorar as condicións laborais e a calidade dos servizos a cidadanía, e queremos poñer de manifesto a nosa unanimidade e acordo de unidade de acción sindical fronte a mobilizacións unilaterais oportunistas que teñen moito que ver con posicionamentos ideolóxicos.
Esta é a primeira mobilización dunha campaña que irá máis aló nos vindeiros meses co obxectivo de denunciar o deterioro progresivo da función pública e esixir un cambio radical na actitude da Administración.
Lembrar que a defensa dos dereitos do persoal empregado público é tamén a defensa duns servizos públicos ao servizo de toda a sociedade.
Como portavoces das organizacións convocantes participaron Juan Carlos Rivas Vázquez, secretario de Acción Sindical de CSIF Galicia; Delia Irene Martínez Conde, secretaria xeral da Federación de Servizos Públicos de UGT Galicia; e Javier Lareu Rodiño, coordinador xeral do Sector da Administración Autonómica de CCOO de Galicia.