Xuntanza coa Consellería do Medio Rural para reclamar a aplicación do Acordo de Funcionarios, a xubilación anticipada de bombeiros forestais e a cobertura total das prazas

  • Otros artículos

23 de febrero de 2026

CSIF, CC.OO e UGT, tras solicitalo conxuntamente, o pasado venres mantivemos unha xuntanza coa conselleira do Medio Rural, na que tamén participaron o director xeral de Defensa do Monte, a secretaria xeral da Consellería e o subdirector de Extinción. Na reunión trasladamos unha serie de cuestións prioritarias que afectan directamente ás condicións laborais, retributivas e organizativas do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF).

1. Aplicación do Acordo de Funcionarios ao persoal laboral

As tres organizacións sindicais esiximos a apertura inmediata dunha mesa de negociación específica para abordar a aplicación íntegra do Acordo de Persoal Funcionario ao persoal laboral. A situación actual resulta claramente discriminatoria, xa que o persoal laboral está a realizar quendas e horarios equiparables aos establecidos no Acordo —incluído o traballo en domingos e festivos— sen percibir as correspondentes compensacións económicas nas mesmas condicións.

Cómpre lembrar que a Disposición adicional única do Acordo de Persoal Funcionario, asinado no ano 2024, recolle expresamente o compromiso de iniciar negociacións para adaptar as condicións específicas de traballo ao réxime xurídico do persoal descontinuo do SPIF. Unha vez cumprido o período de nove meses de actividade pactado no ano 2024, entendemos que non existen máis dilacións xustificables. É o momento de abrir formalmente a negociación e garantir tanto a aplicación efectiva do acordo como o aboamento do traballo realizado en domingos e festivos.

2. Recoñecemento da condición de bombeiros/as forestais a efectos da xubilación anticipada

O pasado 10 de outubro de 2025, nunha xuntanza conxunta con Medio Rural e Función Pública, expuxemos a necesidade de que o ámbito de aplicación da norma sobre coeficientes redutores inclúa o conxunto de escalas, categorías e especialidades que prestan servizos no SPIF: emisoristas, vixilantes, persoal técnico e o resto de colectivos integrados no dispositivo.

Noutras comunidades autónomas estes colectivos xa están recoñecidos como parte do ámbito profesional de bombeiro/a forestal, polo que a súa exclusión en Galicia carece de xustificación obxectiva. Naquela reunión a Administración comprometeuse a solicitar un informe aos servizos xurídicos e a convocar unha nova xuntanza para analizar as conclusións. Segundo se nos trasladou a semana pasada, o informe sería desfavorable; porén, a Administración negouse a facilitar copia do documento, impedindo así a súa análise, contraste e debate.

Na xuntanza coa conselleira solicitamos novamente acceso ao informe e reiteramos a nosa demanda: o recoñecemento da condición de bombeiros/as forestais, a efectos de xubilación anticipada mediante a aplicación de coeficientes redutores, debe estenderse a todas as escalas, especialidades e categorías que integran o dispositivo de prevención e extinción de incendios forestais, e non limitarse exclusivamente ao persoal recollido no acordo de bombeiros forestais do ano 2017.

3. Cobertura do 100 % das prazas do SPIF

As tres organizacións sindicais insistimos na necesidade de garantir a cobertura do cen por cen das prazas do SPIF. Non é asumible que se acumulen vacantes ao longo do ano e se pretenda resolver a súa provisión en plena campaña de alto risco. A cobertura debe realizarse de forma planificada e continua, no momento en que se produce a necesidade, garantindo así a estabilidade organizativa e a seguridade do dispositivo.

Non obstante, manifestamos a nosa disposición a procurar, neste ano, un consenso nas datas de cobertura —comisións, adscricións e chamamentos— tendo en conta a posible incidencia das eleccións e adxudicacións de postos derivadas das listas complementarias dos procesos extraordinarios vinculados á Lei 20/2021.

4. Solicitude de xuntanza da Comisión de Seguimento do Acordo

Solicitamos igualmente a convocatoria urxente da Comisión de Seguimento do Acordo das condicións de traballo do persoal funcionario do SPIF para abordar cuestións pendentes, entre elas os posibles erros no pagamento das horas extraordinarias correspondentes ao ano 2025.

Así mesmo, consideramos imprescindible analizar as causas que provocaron incumprimentos do acordo no relativo ás prolongacións de xornada fóra de nivel 2 ou superiores ás 12 horas, co fin de evitar que estas situacións volvan repetirse.

COMUNICADO CCOO-CSIF-UGT REUNIÓN CONSELLEIRA 20-02-2026 

COMPARTIR