CSIF, xunto a CIG Saúde, CC.OO e UGT, chaman a secundar a folga do próximo día 26 en Atención Primaria

  • Prensa y Comunicación

7 de noviembre de 2025

-O presidente de CSIF Sanidade, Carlos Castro, xunto aos representantes das demais OOSS da Mesa Sectorial, explicaron en rolda de prensa que a folga busca visibilizar a grave situación que atravesa a Atención Primaria galega
- Esixen á Consellería de Sanidade a apertura dun marco real de negociación que garanta unha asistencia digna, con orzamento suficiente e recursos humanos adecuados tanto para os profesionais como para os pacientes.
-Reclaman Que se garanta que non se favorecerá nin facilitará desde a Consellería de Sanidade un modelo de homologación de titulacións extracomunitarias que devalúen a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e que non se contratará a persoal sen a titulación da especialidade.

As Organizacións Sindicais CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT deciden convocar Folga Legal no ámbito da Atención Primaria, tanto nos Servizos e Unidades como nos Puntos de Atención Continuada (PACs), nos 14 distritos das 7 áreas sanitarias que recolle o artigo 68 da LEI 1/2018, do 2 de abril, pola que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia. O ámbito da folga afectará a todo o persoal, de tódalas categorías que prestan os seus servizos nos Centros de Saúde e nos Puntos de Atención Continuada do SERGAS, incluído o persoal residente.

A FOLGA desenvolverase desde ás 8 horas do día 26 de novembro de 2025 ata as 8 horas do día 27 de novembro do 2025. Mediante a presente convocatoria de FOLGA, as Organizacións Sindicais convocantes queremos poñer de manifesto diante da Administración Sanitaria e da opinión pública a nosa preocupación pola situación que se está a vivir no conxunto da Atención Primaria, e solicitamos que se abra un marco de negociación ca administración co obxectivo de conseguir unha Atención Primaria digna, co orzamento e os recursos humanos necesarios para facer o seu traballo en condición de dignidade tanto para os pacientes como para as e os profesionais.

Polo que solicitamos o seguinte:

1. A retirada inmediata da proposta de medidas presentadas na mesa sectorial o pasado 17 de outubro de 2025.

2. A retirada da categoría de FEAP e se elabore un plan de reconversión das prazas actuais de FEAP en prazas de médica/o de familia, garantindo a continuidade laboral das persoas afectadas e a cohesión do modelo asistencial de Atención Primaria.

3. A negociación na mesa sectorial do Plan de Ordenación de Recursos Humanos da atención primaria no prazo máximo de seis meses, que inclúa: a. A entrega dos datos desagregados por categorías e por centro de saúde, que permitan unha análise obxectiva da situación real da Atención Primaria b. Que a Consellería de Sanidade presente propostas concretas de actuación, diferenciando medidas a curto, medio e longo prazo, de forma clara e desenvolvida. c. Que se faga unha análise das ratios de persoal existente por categorías nos distintos centros de saúde e PAC en relación ao grao de desenvolvemento das competencias e das carteiras de servizos, para coñecer cales son as necesidades reais de profesionais, e incluír no Plan de Ordenación de RRHH o número de profesionais necesarios/as para a posta en marcha das carteiras de servizos en todos os centros. d. Que as ratios entre profesionais de medicina de familia e de enfermeiras/os sexan, como mínimo, de 1:1. e. Que se aborde a situación do persoal das áreas administrativas de atención primaria, analizando as cargas de traballo existentes e se incrementen co persoal necesario. f. Que se implementen as categorías profesionais necesarias para prestar unha asistencia sanitaria de calidade á poboación. g. Actualizar o modelo retributivo de todas as categorías de atención primaria, incorporando o pago por TIS modulado por idade e complexidade, garantindo que non haxa perda retributiva con respecto ao modelo actual.

4. Que se desenvolva o concurso específico da especialidade de enfermaría familiar e comunitaria, e se negocie un plan plurianual de reconversión de prazas xerais de enfermeiro/a en prazas de enfermeiro/a especialista, tanto de familia como de pediatría, na atención primaria. 

5. Que se consolide o transporte para as persoas traballadoras que fan os domicilios de AP.

6. Que se aplique o complemento retributivo de soidade e illamento (F e G) a todas as categorías de Atención Primaria e que se elimine o requisito de residir no concello para poder aplicalo.

7. Que se regule que ao persoal de PAC, de medicina de familia e enfermería, se lle abonen as prolongacións de xornada realizadas nos centros de saúde coa cantidade equivalente ao valor da modalidade de prolongación de xornada realizada.

8. Dotación e renovación de recursos materiais a centros de saúde e PACs.

9. Estudo de carga asistencial dos PACs, tendo en conta a dispersión, número de mobilizacións polo 061, distribución etaria; e dotación consecuente de persoal (equipos completos) que fagan posible que non se supere a presión de 30 urxencias por garda para cada un dos equipos. (Compromiso adoptado no acordo de fin de folga dos PACs, incumprido a día de hoxe).

10. Que se aplique xa a redución de xornada recollida no acordo do 20 de abril de 2023 a todo o persoal de atención primaria.

11. Solucionar o problema existente co cómputo de xornada do persoal dos PACs no referente ao desfrute de permisos e ITs e ao cómputo da xornada complementaria. 

12. Reducir a xornada complementaria obrigatoria das 1570 horas de forma proporcional á redución de xornada do acordo do 20 de abril de 2023.

13. Incrementar o valor da xornada complementaria do persoal enfermeiro de PAC.

14. Incrementar o valor da indemnización por manutención do persoal de PAC.

15. Recoñecer a retribución equivalente a festividade da noite do venres no persoal médico de PAC.

16. Definir os postos e centros de difícil cobertura e negociar os incentivos para estes postos.

17. Que se garanta que non se favorecerá nin facilitará desde a Consellería de Sanidade un modelo de homologación de titulacións extracomunitarias que devalúen a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria e que non se contratará a persoal sen a titulación da especialidade.

ARCHIVOS ADJUNTOS

COMPARTIR