CSIF, xunto ás restantes organizacións Sindicais da Mesa Sectorial, rexeitan o cambio de modelo de Atención Primaria e convocan mobilizacións e folga.

  • Prensa y Comunicación

31 de octubre de 2025

-As OOSS entenden que as medidas avanzadas pola Consellería de Sanidade supoñen unha modificación substancial moi penosa das condicións de traballo das e dos profesionais da Atención Primaria e da prestación asistencial que recibe a cidadanía, polo que anuncian a convocatoria de mobilizacións e folga na Atención Primaria o mércores 26 de novembro.
-O día 7 de novembro, ás 10:30, no centro CERSIA, rúa Alcalde Raimundo López Pol, en San Lázaro, Santiago de Compostela, trasladaremos aos medios de comunicación, nunha rolda de prensa, os termos concretos da convocatoria de folga.

 

Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2025. As Organizacións Sindicais con representación na Mesa Sectorial de Sanidade —CIG-Saúde, CSIF, CCOO e UGT— veñen de esixir á Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS a retirada inmediata do documento “Liñas de actuación de RRHH en Atención Primaria. Medidas”, presentado na reunión da Mesa Sectorial do 17 de outubro, por consideralo insuficiente, improvisado e carente de contido real.

As OOSS lembran que solicitaron a convocatoria dunha Mesa Sectorial para abordar cuestións fundamentais como o Plan de Ordenación de Recursos Humanos da Atención Primaria e o modelo asistencial dos sábados pola mañá, mais o documento presentado polo SERGAS non responde ás demandas sindicais nin aos problemas estruturais do sistema.

A situación da Atención Primaria en Galicia é crítica. O SERGAS non pode seguir improvisando nin agochando a falta de planificación detrás de documentos baleiros. O persoal da sanidade pública e a cidadanía merecen unha resposta seria e inmediata.

As OOSS con representación na Mesa Sectorial veñen de enviar á Consellería de Sanidade un documento en común que recolle os seguintes puntos:

  1. Que se proceda á retirada progresiva da categoría de FEAP e se elabore un plan de reconversión das prazas actuais de FEAP en prazas de médica/o de familia, garantindo a continuidade laboral das persoas afectadas e a cohesión do modelo asistencial de Atención Primaria.
  2. Que se nos fagan chegar os datos desagregados por cada centro de saúde e PAC, que permitan unha análise obxectiva da situación real da Atención Primaria.
  3. Que a Consellería de Sanidade presente propostas concretas de actuación, diferenciando medidas a curto, medio e longo prazo, de forma clara e desenvolvida.
  4. Que se faga unha análise das ratios de persoal existente por categorías  nos distintos centros en relación ao grao de desenvolvemento das competencias e das carteiras de servizos, para abordar no Plan de Ordenación de RRHH o número de profesionais necesarios/as para a posta en marcha das carteiras de servizos en todos os centros.
  5. Que se aborde a situación do persoal da área administrativa de atención primaria, analizando as cargas de traballo existentes e se doten do persoal necesario.
  6. Que se implementen as categorías profesionais necesarias para prestar unha asistencia sanitaria de calidade á poboación, é dicir, sen demoras.
  7. Que se desenvolva o concurso específico da especialidade de enfermaría familiar e comunitaria, e se negocie un plan plurianual de reconversión de prazas xerais de enfermeiro/a en prazas de enfermeiro/a especialista, tanto de familia como de pediatría, na atención primaria.

COMPARTIR