Tras as declaracións do conselleiro de Educación, CSIF advirte: “A atención ás familias vulnerables non pode quedar no aire”
13 de agosto de 2025
- De consolidar RAOGAL (Rede de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar) en maio a eliminala en xullo, unha incoherencia que deixa a centos de familias desprotexidas.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2025 — A finais de xullo a Xunta suprimiu de forma repentina e sen previo aviso a Rede de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar (RAOGAL). Tal e como denunciamos desde o noso sindicato e outras centrais sindicais, a medida foi tomada en pleno período estival, deixando sen alternativa a centos de estudantes en situación de vulnerabilidade e aos centros educativos sen capacidade de resposta.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ante as preguntas dos medios de comunicación durante un acto celebrado onte, asegurou que «non vai desaparecer a atención, nin vai desaparecer a preocupación que ten a Xunta por ter o sistema educativo máis equitativo de España», facendo referencia á creación dun novo sistema que o substitúa e que «posibilite seguir facendo o mesmo con outra modalidade».
Eliminar RAOGAL a un mes do inicio do curso deixa ao alumnado máis vulnerable sen garantías de atención. Non se pode romper de golpe un vínculo de confianza coas familias que leva anos construíndose. "A inclusión educativa non se improvisa, e a Xunta non ofreceu nin alternativa real nin prazos claros a día de hoxe", denuncia CSIF Ensino.
Contactadas varias das persoas responsables das Unidades de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar (UACO), maniféstannos o seu malestar pola forma en que se lles comunicou o cese, sen diálogo previo e cando se esperaba a continuidade do programa.
Tamén expresan a súa gran preocupación polo alumnado e as familias que, ás portas do novo curso, quedan sen a atención personalizada que viñan recibindo. Critican a incoherencia de eliminar RAOGAL cando o propio presidente da Xunta anunciara en maio a súa consolidación dentro do Programa Eduinclusión 2030 cun orzamento de 116 millónsde euros.
RAOGAL, levaba catro anos funcionando a pleno rendemento e estaba preparada para iniciar o curso sen interrupcións. Preguntanse por que se elimina unha estrutura que funciona e reclaman que, se o problema é orzamentario, se revise e reasigne o orzamento en lugar de romper un recurso esencial para a inclusión real nos centros educativos.
Pídese ademáis que se recoñezan os logros acadados nestes catro anos e se manteña a atención personalizada ás persoas que dependen dela, apostando por novos retos pero sen esquecer a dimensión humana do traballo educativo.
Compartimos con vós a carta dunha docente participante no programa, así como a denuncia feita dende a Confederación de Anpas Galegas.