Delegados de CSIF Ensino, desaloxados por segundo día consecutivo das dependencias da Consellería
14 de diciembre de 2023
-Rosa Silva, portavoz de CSIF Ensino Galicia, lamenta a mensaxe negativa que o conselleiro está a transmitir á sociedade, de falta de diálogo con quen representa a máis do 60% da comunidade educativa

Delegados de CSIF Ensino, xunto con representantes dos demais sindicatos contrarios ao pacto asinado pola Xunta con CC.OO, UGT e ANPE, foron desaloxados pola policía por segundo día consecutivo das dependencias da Consellería mentres agardan para ser recibidos polo conselleiro, Román Rodríguez, para renegociar o acordo.
Rosa Silva, como portavoz de CSIF, lamenta esta actitude do conselleiro e advirte que transmite unha mensaxe moi negativa á sociedade, xa que está a negar o diálogo aos representantes de máis do 60% da comunidade docente.
Silva recorda que levan desde o día 2 de novembro agardando a que Román Rodríguez fixe unha data para sentarse a negociar, "houbo tempo suficiente para unha resposta, de aí que optaramos por presentarnos directamente na consellería e non cesaremos ata conseguir, pois é o que o profesorado ao que representamos espera de nós".
CSIF, asegura, é unha organización que se caracteriza polo talante negociador e o diálogo, pero "esgotamos todos os camiños para solicitar unha reunión, por iso agora estamos aquí, en dependencias que son de toda a cidadanía, non propiedade de Román Rodríguez, polo que fai ainda máis incomprensíbel o trato que se nos está a dar".
Esta é a segunda xornada consecutiva na que os representantes sindicais de CSIF, CIG e STEG son desaloxadas pola Policía mentres agardan ás portas do despacho do conselleiro que se lles confirme unha cita para poder reunirse.