Previsión das próximas negociacións de Función Pública: procesos selectivos, promoción interna, concursos de traslados

18 de septiembre de 2023

-Función Pública convoca unha xuntanza na que salienta os seguintes asuntos como cuestións maís relevantes para este comezo de curso

Promoción interna

Na CSIF temos especial interese en falar da promoción interna e durante esta xuntanza, fixémolo. E o director xeral falounos da promoción interna, pero unicamente da promoción interna horizontal. Concretamente a do persoal que se incorporou como laboral fixo nos procesos de consolidación no último ano.

Achegaron uns novos borradores para estas convocatorias que veñen con algúns cambios con respecto á última versión que nos presentaran antes do verán e que xa inclúen os buzóns de postos: tódolos exercicios serán cualificados como apto/non apto, establécese unha batería de preguntas e durante o desenvolvemento das probas poderanse consultar textos legais.

Logo da intervención das organizacións sindicais, comprometeuse a incluír coa maior celeridade, se é posible xunto a estas convocatorias, ao resto do persoal que está nunha situación similar e que agora mesmo non está incluído. Hai casos, por exemplo, entre o persoal auxiliar de enfermería, camareiro/a limpador/a ou bombeiro/a.

Sobre a promoción interna para o resto dos empregados públicos, nin unha palabra...

Procesos selectivos e funcionarización

Nas próximas semanas prevén avanzar nas próximas convocatorias de funcionarización para aqueles colectivos que aínda están pendentes. Tamén traballan nunha “repesca” para o persoal que optou por non participar antes.

Sobre a funcionarización do persoal que se atopa en excedencia, aseguran que están estudando o asunto. Pretenden outorgar un prazo de dous ou tres meses para que este persoal exprese a súa vontade de funcionarizarse. Posteriormente farían a convocatoria. Esperaremos a ver a proposta, xa que temos moitas dúbidas sobre como pretenden resolver tódalas situacións posibles, que son moitas.

Sobre os procesos da Lei 20/2021 que están en marcha, informan que nas vindeiras semanas publicarán as notas dos exames de galego dos procesos de concurso-oposición e a autobaremación nos de concurso. Esta lista de autobaremación, unha vez publicada, será revisada por función pública.

Dende a CSIF sinalamos a necesidade de coordinar os procesos selectivos da Lei 20/2021 da propia administración da Xunta e os dos entes para evitar problemas, por exemplo, ao persoal que poida superar máis dun proceso. Esta xente podería verse obrigada a tomar unha decisión antes de coñecer o resultado dalgún dos procesos nos que participe, vendo así usurpado o seu dereito (recollido expresamente na normativa) a optar por calquera dos postos.

E en relación cos procesos dos entes, tamén denunciamos a publicación por parte de Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) dunha proposta definitiva sen unha baremación provisional nin período de alegacións. Non damos crédito...

Expediente electrónico

Sobre o desenvolvemento do expediente electrónico e o sistema FIDES, e na medida en que afecta, por exemplo, ao método para a presentación dos méritos nos futuros concursos, o director xeral informa que someterá á consideración das organizacións sindicais o sistema mediante o cal se recollerán todos estes datos. Remitirán o texto da orde e abrirán un prazo para presentar alegacións.

Dende a CSIF xa advertimos dalgúns dos problemas que se están a dar, por exemplo, no cómputo do tempo traballado. Temos constancia de que nalgúns servizos de persoal se emiten certificados expresados en meses e noutros en días, existindo discrepancias en moitos casos. Solicitamos que o cómputo se faga en días para evitar este tipo de problemas. Tamén pedimos que se facilite o acceso ao sistema ao persoal que non conta cun ordenador no seu posto de traballo.

Temas para as próximas mesas

Dende a dirección xeral de Función Pública avanzaron algúns dos temas que trataremos nas próximas mesas de negociación:

  • Convocatorias de promoción interna horizontal
  • Modificación da RPT da Vicepresidencia 1ª
  • Modificación da RPT de Política Social (a que xa se está a negociar e esperan iniciar unha nova modificación inmediatamente)
  • Adaptación do prezo da quilometraxe
  • Adaptación da Lei de Impulso Demográfico
  • Segunda actividade de Axentes Medioambientais
  • Convocatorias pendentes da OPE 2020

Concurso de traslados

Sobre o concurso de traslados da administración especial, o director xeral informou do seguinte:

Intentarán convocar o máximo posible e no menor prazo posible. Aseguran que prevén rematalos en catro a seis meses. Xa nos advirten de que non van a realizar moitos cambios nas bases. Ningún cambio naquelas cuestións que poidan precisar dalgún axuste no sistema informático que soporta o procedemento. Escúdanse en que estes cambios suporían un atraso que non podemos asumir. Xa imos vendo que esa será a escusa para non aceptar moitas das nosas alegacións.

Achegáronnos un novo borrador con algúns cambios e abriron un novo prazo para presentar alegacións.

Os primeiros concursos que va a convocar son os do persoal de Política Social:

  • Psicoloxía
  • Medicina
  • Pedagoxía
  • Enfermaría
  • Educador/a
  • Traballo social
  • Fisioterapia
  • Terapia ocupacional
  • Auxiliar de clínica
  • Xardín de infancia

A continuación convocarían o que deron en chamar o “concurso especial tradicional” (enxeñerías, bioloxía, química...tamén veterinaria se se modifica a RPT de Saúde Pública a tempo...)

Unha vez rematado este, irá o concurso da administración xeral.

Sobre o persoal do SPIF tivemos que preguntar dende a CSIF. A resposta do director xeral foi que, se cadra, tamén irá con velocidade. Non descarta que sexa o seguinte, despois de Política Social, pero tampouco o asegura...Veremos o que iso quere dicir...

Por último, aseguran que intentarán poñer en marcha o concurso específico con anterioridade nalgúns casos. Pensamos que é de sentido común...

Outros asuntos

Finalmente, podemos comentar un par de asuntos máis que se mencionaron na xuntanza, pero dos que non ofreceron máis información que a súa vontade de abordalos nalgún momento...

Con respecto ás listas de contratación e sen concretar moito, recoñecen que hai cambios que facer e aseguran que os están estudando, especialmente nalgunhas categorías como por exemplo bombeiro/a forestal. Tamén en resposta ás nosas preguntas, aseguran que abordarán a segunda actividade deste persoal, agora que xa temos un texto para axentes medioambientais.

Sobre a categoría de traballo social, na que hai 81 persoas esperando para tomar posesión, informan que no prazo dun mes estará convocada a elección de destino que está pendente.

En relación co calendario das próximas probas dos procesos selectivos en marcha, advirten que posiblemente haberá algún cambio, que en ningún caso será adiantar datas senón atrasar algún exame.

 

Nota importante:

CSIF non se fai responsable da veracidade da información facilitada polo director xeral de Función Pública nin, moito menos, do cumprimento dos prazos sinalados. CSIF unicamente transmite a dita información aos traballadores afectados e demais persoas interesadas.

COMPARTIR