Víase vir…
- Empleo
- Oposiciones
20 de junio de 2026
CSIF denuncia as molestias ocasionadas ás persoas opositoras pola coincidencia das probas co Arde Lucus en Lugo
O sindicato xa advertira previamente á Administración educativa e ao Servizo de Inspección da Delegación Territorial de Lugo dos posibles prexuízos para as persoas aspirantes.
CSIF manifesta a súa preocupación polas incidencias e o malestar xerado entre as persoas aspirantes que participaron nas oposicións docentes celebradas esta fin de semana en distintos centros educativos da cidade de Lugo, coincidindo coa celebración do Arde Lucus.
Con anterioridade ao desenvolvemento das probas, a organización sindical trasladou formalmente tanto á Administración educativa como ao Servizo de Inspección da Delegación Territorial de Lugo a súa preocupación pola localización de varios tribunais en centros situados no entorno das actividades desta festa de recreación histórica, unha das máis multitudinarias da cidade.
CSIF advertiu dos posibles problemas antes da celebración dos exames
Desde o sindicato xa se puxera de manifesto que a coincidencia dun proceso selectivo de tanta importancia co Arde Lucus podía provocar dificultades de acceso aos centros, problemas de aparcamento, molestias derivadas do ruído e un incremento do nerviosismo entre as persoas opositoras.
Porén, a resposta trasladada pola Administración foi que a celebración das probas nestes centros non suporía inconvenientes relevantes para o seu normal desenvolvemento, manténdose finalmente a planificación prevista.
Numerosas queixas das persoas opositoras
Durante a xornada deste sábado, representantes de CSIF presentes nas inmediacións dos centros puideron comprobar o paso de desfiles e actividades propias do Arde Lucus, así como a elevada afluencia de público e o ruído xerado nas proximidades dos lugares onde se celebraban os exames.
Ademais, antes do inicio das probas, o sindicato recibiu numerosas queixas de persoas aspirantes que manifestaron o seu descontento pola situación, denunciando as dificultades para acceder aos centros, atopar estacionamento e afrontar unha xornada decisiva nun contexto que non favorecía as condicións de tranquilidade e concentración necesarias.
CSIF reclama unha mellor planificación
Desde CSIF considérase que a Administración educativa debería ter adoptado medidas preventivas para evitar esta situación, especialmente despois de ser advertida con antelación dos posibles problemas que poderían producirse.
O sindicato entende que unhas probas selectivas desta relevancia deben desenvolverse nas mellores condicións posibles, garantindo a igualdade de oportunidades, a serenidade e a concentración das persoas aspirantes.
Por este motivo, CSIF insta á Consellería de Educación a ter en conta estas circunstancias en futuras convocatorias e a planificar a distribución dos tribunais e a localización das sedes de exame evitando coincidencias con eventos multitudinarios que poidan afectar ao correcto desenvolvemento dos procesos selectivos.