Instrucións para o desenvolvemento da avaliación de diagnóstico en Primaria e ESO no curso 2025/26

  • Otros artículos

31 de marzo de 2026

DOG · 27 de marzo de 2026

 

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publicou a resolución pola que se regulan as condicións de aplicación da avaliación de diagnóstico en 4º de educación primaria e 2º da ESO nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia durante o curso 2025/26.

Que regula esta resolución?

O texto establece o marco organizativo da proba de avaliación de diagnóstico que deberá realizarse nos centros que impartan 4º de primaria e/ou 2º da ESO.

Trátase dunha avaliación de carácter censual, prevista na normativa educativa, e que abrangue distintos ámbitos competenciais do alumnado.

Competencias e ámbitos en 4º de Primaria

  • Competencia matemática.
  • Comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura.
  • Comunicación lingüística en Lingua Castelá e Literatura.
  • Lingua estranxeira: Francés e Inglés.
  • Obxectivos das áreas de Ciencias Sociais e Ciencias Naturais.

Competencias e ámbitos en 2º da ESO

  • Competencia matemática.
  • Comunicación lingüística en Lingua Galega e Literatura.
  • Comunicación lingüística en Lingua Castelá e Literatura.
  • Lingua estranxeira: Alemán, Francés e Inglés.
  • Xeografía e Historia, Física e Química, e Bioloxía e Xeoloxía.

Formato das probas

Con carácter xeral, a Administración facilitará aos centros os materiais necesarios e o soporte informático para a realización das probas. A avaliación desenvolverase en formato dixital en liña, tanto para os cadernos do alumnado como para os cuestionarios de contexto dirixidos a titorías, dirección, alumnado e familias.

Excepcionalmente, poderán facilitarse versións en papel equivalentes ás dixitais cando existan causas debidamente xustificadas, relacionadas cun número insuficiente de ordenadores dispoñibles no centro.

Aplicación e corrección das probas

As probas aplicaranse en todos os grupos de 4º de primaria e/ou 2º da ESO conforme ás instrucións técnicas que dite a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

A aplicación e a corrección das partes non automatizables das probas dixitais será realizada por profesorado do centro. No caso das probas en papel, con carácter xeral, serán aplicadas e corrixidas por profesorado que non imparta docencia ao alumnado avaliado.

Atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

A resolución prevé medidas de adaptación para garantir que as condicións de realización da avaliación se axusten ás necesidades deste alumnado.

  • Adaptación de tempos.
  • Presentación das probas en formatos adaptados.
  • Uso de medios materiais e axudas técnicas.
  • Modelos específicos para alumnado con TEA, TDAH e dislexia no caso das probas en papel.
  • Ferramentas de apoio integradas na plataforma dixital no caso das probas en liña.

O alumnado con adaptación curricular será avaliado conforme a esa adaptación e os seus resultados non computarán para o cálculo dos datos globais.

Incidencias e modificación de datas

Se algún centro non pode realizar algunha proba nas datas previstas por coincidir cun día non lectivo ou por circunstancias sobrevidas, a dirección deberá comunicalo á Inspección Educativa coa maior brevidade posible ou cun mínimo de cinco días hábiles de antelación respecto do inicio das probas.

A Inspección Educativa, en coordinación co Servizo de Avaliación do Sistema Educativo, adoptará as medidas necesarias para fixar unha data alternativa.

Comisión galega de coordinación da avaliación de diagnóstico

A resolución tamén prevé a constitución dunha comisión galega de coordinación competente en relación coa avaliación de diagnóstico en 4º de primaria e 2º da ESO en todo o territorio galego.

Entre as súas funcións estarán facilitar información aos centros, coordinar a aplicación, a corrección e a gravación de datos da avaliación.

Desde CSIF Ensino Galicia

Recomendamos aos centros e ao profesorado consultar con detalle a resolución oficial para coñecer o calendario, o procedemento de aplicación, as medidas de adaptación e as responsabilidades organizativas vinculadas a este proceso de avaliación.

Información elaborada por CSIF Ensino Galicia a partir da resolución publicada no Diario Oficial de Galicia.

COMPARTIR