A Xunta aboará esta semana ao persoal empregado público a suba salarial do 2,5% correspondente a 2025

12 de enero de 2026

Actualización retributiva: O impacto orzamentario estimado para a Administración galega é de 143 millóns de euros. A nómina de xaneiro reflectirá tamén a suba do 1,5% para este 2026.

A Xunta de Galicia aboará esta semana aos empregados públicos autonómicos o incremento salarial do 2,5% correspondente a todo o ano 2025. Así o informou este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello.

Cómpre salientar que esta mellora retributiva é froito directo da negociación levada a cabo por CSIF co Goberno nacional. Grazas ao acordo acadado  a nivel estatal, garantíronse estas subas que agora a Administración autonómica materializa nas nóminas do persoal galego.

O Goberno galego lembrou que a competencia para actualizar as retribucións é estatal. A falta de Orzamentos Xerais motivou que non se actualizasen en 2025 os salarios (agás o 0,5% previo), ata que a presión negociadora logrou desbloquear a situación.

Non foi ata o 3 de decembro cando se publicou o Real Decreto lei 14/2025, mediante o que se autoriza esta alza para 2025 (2,5%) e para 2026 (1,5%). Segundo indicou a Xunta, este trámite lexislativo estatal é o motivo polo que se demorou o pago desta actualización ata esta semana.

Resumo dos Pagos

  • Atrasos 2025: Aboaranse esta semana (2,5%).
  • Nómina Xaneiro 2026: Incluirá xa a suba do 1,5% negociada para este ano.
  • Total consolidado: Desde 2024, o incremento conseguido para os empregados públicos é dun 4%.
CSIF ENSINO GALICIA

COMPARTIR