ADHESIÓN DE CSIF ENSINO Ó ACORDO DA CONSELLERÍA
- Negociaciones y acuerdos
9 de diciembre de 2025
CSIF Ensino decide adherirse formalmente ao Acordo sobre medidas que melloran o sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente.
Anteriormente, a nosa posición era clara: non asinamos o acordo porque consideramos que as melloras ofrecidas, aínda que positivas, eran manifestamente insuficientes en áreas chave: redución e equidade horaria, atención á diversidade, redución da burocracia, retribucións, ratios... e, o que é fundamental, a maioría das melloras non se facían extensivas a todos os niveis do ensino.
Somos plenamente conscientes do esforzo, da dedicación e do sacrificio que todas e todos fixemos durante as mobilizacións, paros, peches e manifestacións que protagonizamos desde aquel momento para reclamar un acordo que realmente respondese ás nosas xustas demandas. A vosa resposta foi exemplar e demostrou a fortaleza e a convicción do profesorado galego.
Consideramos que, na conxuntura actual, e tras non conseguir a ansiada unidade sindical pola que CSIF Ensino loitou, tomar esta determinación responde a un exercicio de responsabilidade. A Consellería abriu a porta a escoitarnos e cremos que actualmente a presión é máis efectiva desde dentro, cara a cara, a través das mesas de negociación que mediante a protesta externa.
A nosa postura é firme: priorizamos a vía negociadora por considerala o instrumento máis eficiente para a defensa dos vosos intereses neste momento.
Non obstante, que ninguén se confunda: isto é unha tregua para construír, non un cheque en branco. O cumprimento do pactado será sometido a unha estrita vixilancia; no caso de que a Administración non cumpra os seus compromisos, CSIF Ensino sairá do Acordo e reactivará as mobilizacións, coa lexitimidade engadida de quen esgotou a vía do diálogo.
Seguimos traballando por e para vós.
CSIF Ensino Galicia