INFORME SOBRE A SITUACIÓN ACTUAL DOS CENTROS E NECESIDADES URXENTES

5 de noviembre de 2025

Neste artigo recóllense as principais incidencias, carencias e necesidades detectadas dende CSIF Ensino ao inicio do curso académico. O seu propósito é ofrecer unha panorámica real da situación dos centros e propoñer medidas que garantan unha educación pública de calidade e en igualdade de condicións en toda Galicia, tal e como se amosa no apartado 6.

👉 Como ler este informe: cada apartado pode "abrirse ou pecharse" premendo sobre o título correspondente. Así podes consultar as conclusións de forma ordenada e visualizar só a información que necesites en cada momento.

1. DÉFICIT DE PROFESORADO E INCUMPRIMENTO DE DOTACIÓNS
  • Falta xeneralizada de profesorado, tanto en número como en especialidades.
  • Non se cobren prazas de apoio, Audición e Linguaxe (AL), Pedagoxía Terapéutica (PT), Inglés, Francés e Música.
  • Moitos postos son itinerantes ou compartidos entre varios centros, dificultando a atención ao alumnado e a organización horaria.
  • Existen aulas e unidades non recollidas no catálogo oficial, sen o correspondente incremento do cadro de persoal.
  • Coberturas tardías ou inexistentes de vacantes e baixas médicas.
  • Profesorado sen a titulación específica impartindo materias para as que non está habilitado.
  • Incumprimento de reducións e liberacións horarias para funcións directivas e de coordinación.
2. ATENCIÓN Á DIVERSIDADE E NECESIDADES EDUCATIVAS ESPECIAIS
  • Insuficiencia de profesionais de apoio e especialistas de PT e AL, mesmo en centros con aulas específicas.
  • Non se cumpre a ratio legal de 1 coidador/a por cada 6 alumnos/as con NEE; hai centros con máis de 10 nenos/as e só unha persoa de apoio parcial.
  • Departamentos de Orientación reducidos, compartidos ou non reforzados, dificultando a coordinación e o seguimento individualizado.
  • En moitas aulas de Infantil e Primaria con ratios elevadas e varios nenos/as con TEA ou outras necesidades, non se garante un segundo docente como sería necesario.
3. INFRAESTRUTURAS E CONDICIÓNS MATERIAIS
  • Deficiencias graves: goteiras, humidades, tarimas danadas e obras inacabadas.
  • Falta de pavillóns deportivos ou espazos axeitados para educación física.
  • Deficiente mantemento: inseguridade, incomodidade e dificultade para o normal desenvolvemento das clases.
  • Retrasos na entrega de material escolar e libros de texto, iniciando o curso sen recursos suficientes.
4. CARGA BUROCRÁTICA E PROBLEMAS ORGANIZATIVOS
  • Exceso de tarefas burocráticas e prazos moi axustados para programacións e informes.
  • Entrega con erros e retrasos de horarios, listaxes e accesos a aplicacións (XADE, PROENS, FP Distancia).
  • Ausencia de persoal administrativo polo que o equipo directivo asume funcións alleas ao cargo.
  • Funcións de garda e atención ao alumnado concentradas nun número moi limitado de docentes, superando amplamente a súa xornada efectiva.
5. ASPECTOS LABORAIS E FORMATIVOS
  • Desigualdade de condicións no profesorado respecto doutros niveis (IES, CEIP, etc.) en carga lectiva e recoñecemento salarial.
  • Incumprimentos de acordos asinados con inspección educativa sobre xornadas e dotacións de persoal.
  • Dúbidas vixentes sobre equivalencias de titulacións (Maxisterio, Psicopedagoxía, Graos) e requisitos para acceso a Pedagoxía Terapéutica.
  • Falta de resposta e desantención da Consellería ante escritos e consultas, incrementando o malestar do profesorado.
6. CONCLUSIÓN E SOLICITUDE

O conxunto das incidencias evidencia unha situación de infrafinanciamento, desigualdade e desatención que repercute directamente na calidade educativa e no benestar do profesorado e do alumnado.

Solicítase á Consellería de Educación:

  1. Dotación inmediata do persoal docente e de apoio segundo ratios reais e necesidades do alumnado.
  2. Cobertura efectiva de baixas e vacantes, e cumprimento de acordos sobre reducións e liberacións horarias.
  3. Mellora urxente de infraestruturas e dotacións materiais dos centros.
  4. Revisión das cargas burocráticas e incorporación de persoal administrativo.
  5. Clarificación de titulacións equivalentes e requisitos de acceso ás especialidades.
  6. Recoñecemento da situación específica dos centros rurais e unitarios, garantindo estabilidade e igualdade de condicións.

Este documento sintetiza as demandas urxentes para garantir unha educación pública de calidade e en igualdade de oportunidades.

 

COMPARTIR