Os sindicatos SPJ-USO, STAJ, UGT, CSIF e CCOO esiximos a dimisión do Director Xeral de Xustiza ante o caos e o colapso dos xulgados en Galicia.
- CSIF Informa
19 de junio de 2026

Os sindicatos SPJ-USO, STAJ, UGT, CSIF e CCOO, comparecemos de xeito conxunto o xoves 18 de xuño nunha rolda de prensa para alertar sobre a grave situación de deterioro e colapso que atravesa a Administración de Xustiza en Galicia a raíz da implantación dos tribunais de instancia e a aplicación da chamada Lei de Eficiencia.
A improvisación da Dirección Xeral de Xustiza, a falta de diálogo social e a ausencia dos medios humanos e materiais necesarios están a provocar un deterioro sen precedentes do servizo público de Xustiza, con graves consecuencias tanto para o persoal como para a cidadanía.
Na rolda de prensa expuxemos as seguintes reivindicacións:
1. Caos organizativo e perda de calidade
O escenario actual é dun absoluto "caos organizativo" nos centros de traballo:
• Ordes contraditorias e cambios continuos nas directrices de traballo.
• Falta absoluta de coordinación entre a Dirección Xeral e os representantes do persoal, excluídos de toda negociación.
• Reorganización caótica do persoal, con edificios saturados mentres outros permanecen infrautilizados.
• Desmantelamento de áreas fundamentais, especialmente as dedicadas á execución das resolucións xudiciais.
2. Consecuencias graves para o servizo e o persoal
Esta situación xa está a producir consecuencias moi graves:
• Incremento histórico dos atrasos, con procedementos que poden alongarse ata un 50 % máis e xuízos sinalados, nalgúns partidos xudiciais, a tres anos vista.
• Sobrecarga de traballo insostible para o persoal, cun aumento sen precedentes das baixas por incapacidade temporal.
• Funcionarios e funcionarias que prolongan diariamente a súa xornada sen ningún tipo de compensación para intentar sacar adiante o traballo.
• Deterioro da atención á cidadanía e perda da tutela xudicial efectiva.
3. Esiximos a dimisión do Director Xeral de Xustiza
Os cinco sindicatos sinalamos directamente á Dirección Xeral de Xustiza como responsable política desta "implantación improvisada" e esiximos a dimisión inmediata do Director Xeral de Xustiza pola súa incompetencia e pola súa incapacidade para xestionar esta reforma.
• A ausencia total de diálogo social.
• O consentimento de actuacións contrarias á legalidade, permitindo a realización de funcións que non corresponden aos corpos afectados, a inaplicación de normativa estatal e a asignación de tarefas de Violencia sobre a Muller a persoal que carece do código correspondente na RPT.
4. As nosas reivindicacións para unha Xustiza Eficiente
Para reverter esta situación, os representantes sindicais esiximos:
1. Ampliación real das relacións de postos de traballo (RPT).
2. Cobertura inmediata das vacantes e baixas mediante interinos, ou substitucións e nomeamento urxente de reforzos.
3. Creación de equipos de traballo estruturais que garantan a especialización e eviten rotacións arbitrarias.
4. Respecto estrito á legalidade e fin das instrucións que vulneran a normativa vixente.
5. Implantación dun sistema informático moderno, operativo e sen incidencias.
6. Formación especializada e recuperación dos programas presenciais de formación.
7. Implantación efectiva do teletraballo, dereito xa recoñecido legalmente ao persoal da Administración de Xustiza.
5. En Galicia Lei de Eficiencia ou Lei de Deficiencia? En Galicia, a chamada Lei de Eficiencia converteuse nunha auténtica Lei de Deficiencia:
• Deficiencia en recursos humanos.
• Deficiencia en medios tecnolóxicos.
• Deficiencia organizativa.
• Deficiencia en diálogo social.
Por todo iso, os sindicatos SPJ-USO, STAJ, UGT, CSIF e CCOO exiximos a dimisión inmediata do Director Xeral de Xustiza. Esta exixencia e a nosa denuncia foi publicada o mesmo día 18 en diversos medios como RNE, CADENA SER, ONDA CERO, COPE, FARO DE VIGO E A AXENCIA EUROPA PRESS, entre outros.