DOG: Nova normativa comisións de servizo.

  • Normativa

23 de diciembre de 2025

Publicada no DOG a RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se establecen criterios para a cobertura de postos de traballo mediante comisión de servizos no ámbito da Administración de xustiza na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta resolución ten por obxecto establecer os criterios e o procedemento para a provisión temporal, mediante comisión de servizos, de postos de traballo vacantes en órganos, servizos ou unidades da Administración de xustiza cuxa xestión lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia.

A citada norma será de aplicación ao persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza pertencente aos corpos de médicos forenses, de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial.

Quedan fóra do ámbito desta resolución as persoas que se atopen en adscrición provisional, excepto o suposto recollido na letra b) do artigo 68 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia.

Non se outorgarán comisións de servizo a persoal funcionario do mesmo centro de destino, salvo nos seguintes casos:

– Prazas singularizadas.

– Prazas englobadas dentro dun equipo estrutural ou área distintos daqueles en que está integrada a praza da que é titular quen a solicita.

– Prazas con algunha especificidade recollida na relación de postos de traballo (gardas, violencia sobre a muller...).

O persoal que teña como posto definitivo un posto singularizado en libre designación ou de concurso específico non poderá solicitar un posto en comisión de servizos.

Postos susceptibles de seren ocupados por comisión de servizos:

Considérase praza vacante, para os efectos do establecido na presente resolución, aquela que estea desocupada polas seguintes causas:

a) Pola perda da condición de funcionario/a.

b) Por ser praza cuxo titular estea en servizos especiais.

c) Por excedencia voluntaria por interese particular.

d) Por excedencia voluntaria por agrupación familiar.

e) Por excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público.

f) Por ser praza de nova creación.

g) Por ser praza que quedase vacante ou deserta no concurso de traslados, nun concurso específico ou nunha convocatoria de libre designación.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251223/AnuncioG0759-121225-0003_gl.html

COMPARTIR