CSIF solicita á Comisión Mixta do TSXG a creación de órganos xudiciais para 2024.
- Otros artículos
- Puesto de Trabajo y Categoría Profesional
- Funcionario
- Interino
1 de febrero de 2024

Novamente, neste ano, dende CSIF reiteramos a necesidade de propoñer ao goberno central a creación destes órganos xudiciais: Xulgados Mixtos en Carballo, Viveiro, Ribeira e Vilagarcía así como Xulgados de Violencia sobre a Muller en todas as cidades de Galicia onde existen xulgados exclusivos e non excluíntes, un social en Ferrol, un primeira instancia e outro do Penal en Ourense e un contencioso-administrativo en Santiago.
Estas propostas de xulgados son necesarias para a nosa Comunidade Autónoma debido a que estes órganos xudiciais teñen unha carga de traballo estrutural, que non pode ser solucionada a través de reforzos temporais e que teñen a pendencia máis elevada, segundo os datos do Consello Xeral do Poder Xudicial.
Por exemplo, en Viveiro, a carga de traballo foi dun 161% no ano 2019, 168% no 2020; 176% no 2021, 181% no 2022 e 191% no 2023 tomando como referencia o establecido na Orde JUS/1415/2018, de 28 de diciembre, pola que se publica o Acordo entre o Consello Xeral do Poder Xudicial e o Ministerio de Xustiza para a determinación do sistema de medición da carga de traballo dos órganos xudiciais. Non é suficiente, como era previsible, paliar o problema co nomeamento de xuíz e letrado de apoio así como dun funcionario de auxilio xudicial e outro de tramitación procesual (o de xestión procesual aínda se está á espera do seu nomeamento, demora que tampouco entendemos cando na reunión da Sala de Goberno do TSXG do 10 de
novembro se determinou a necesidade do mesmo). A solución pasa por crear outro xulgado, co cadro de persoal completo e non parchear con nomeamentos de persoal de reforzo que o único que está facendo é sobrecargar, aínda máis, o persoal funcionario ao saír máis traballo por parte do xuíz e letrado de apoio.
E isto que está pasando en Viveiro pode ser extensivo ao resto de órganos xudiciais descritos e dos cales solicitamos a creación para este comunidade.
En consecuencia, dende CSIF solicitamos que se propoña ao goberno central a creación dos órganos xudiciais antes reseñados e establecendo os xulgados mixtos como unha prioridade e non propoñéndoos ao final da orde de prelación, como ven sucedendo nos anos precedentes.