Oposición 2021: datas e lugares

  • Empleo
  • Oposiciones
  • Otros artículos

27 de mayo de 2021

 

As oposicións do ensino desenvolveranse en 23 localidades con 368 tribunais.  

 

Os exames desenvolveranse, por primeira vez, máis aló das sete cidades galegas. Serán un total de 23 as localidades que os acollan. Deste xeito, na provincia da Coruña haberá probas na Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Narón, Oleiros e Santiago de Compostela; na de Lugo, en Monforte, Lugo e Viveiro; na de Ourense, no Carballiño, Ourense, Ribadavia e Vilamarín; e na de Pontevedra, na Estrada, Cangas, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Valga, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

Especialidades por concello

Tal e como explicou o conselleiro, que estivo acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez Bértolo, as localidades con máis exames van ser as cidades. Así, a da Coruña acollerá probas de 27 especialidades, Vigo de 18, Santiago de 17, Pontevedra de 14, Lugo de 13 e Ourense de 12. Pola súa parte, en Culleredo e Ferrol haberá exames de cinco especialidades; en Monforte, Ribadavia, Lalín, O Porriño e Vilagarcía de dúas especialidades e no resto de localidades dunha soa especialidade. Na distribución das probas, sinalou, aproveitaranse as sinerxías cos ciclos de FP impartidos en cada lugar, de tal forma que "en Vilamarín examinaranse os aspirantes a profesor de Secundaria en Hostalaría e Turismo e na Estrada os de Procesos e Produtos en Madeira e Moble", dixo. Nos próximos días indicarase a localización exacta das probas en cada concello.

70 persoas por tribunal

O incremento de localidades é a principal medida da Xunta de Galicia para acadar as máximas garantías de seguridade sanitaria nas oposicións, de xeito complementario ao incremento de número de tribunais, ata un total de 368. “Isto supón – explicou Román Rodríguez– nove máis dos que anunciamos inicialmente e, o que é máis importante, supón máis que duplicar os 163 tribunais que houbo nas oposicións do ensino do ano 2019”.

“Deste xeito, e tendo en conta que temos inscritas nestas probas un total de 25.710 persoas, estamos a falar de 70 opositores de media por cada tribunal, fronte aos 109 opositores por tribunal do ano 2019”, destacou.

Distancia e máscara

As devanditas medidas van acompañadas dun completo protocolo de adaptación á covid, que hoxe foi presentado na mesa sectorial, e que inclúe entre os seus puntos fundamentais que aos recintos só poderán acceder as persoas opositoras, gardar unha distancia de 1,5 metros, o uso obrigatoria de máscara cirúrxica ou hixiénica, a hixiene de mans con xel hidroalcohólico á entrada e saída, a limpeza e a desinfección das superficies, a ventilación dos espazos e o uso exclusivamente persoal de materiais como os bolígrafos, entre outros.

“Así mesmo –recordou o conselleiro–, suprímese o acto de presentación e será cada tribunal o que comunique a través do Portal Educativo a aula concreta na que se examinará cada persoa e todas as cuestión que sexan necesarias; e a identificación das persoas opositores realizarase na propia mesa, cando xa estean sentadas, para evitar aglomeracións”.

O protocolo responde tamén “a dúas cuestións de vital importancia no actual contexto”, explicou o conselleiro. Por unha banda, contémplase que se unha persoa non pode acudir ao exame por estar en corentena por un contacto estreito relacionado coa covid, por ter a covid ou por estar embarazada, poderá realizar a proba o día 10 de xullo de 2021, aportando a xustificación médica necesaria.

Por outra banda, se alguén presenta síntomas da covid no propio exame, a persoa será trasladada á zona reservada de illamento. Neste espazo o persoal aspirante poderá continuar desenvolvendo o exame, se lle é posible, baixo a vixilancia dunha persoa membro do tribunal que manterá a máxima distancia de seguridade posible e, de cando menos, 1,5 metros.

 

CONSULTA AQUÍ O DOSSIER SOBRE AS OPOSICIÓNS

 

 

ARCHIVOS ADJUNTOS

COMPARTIR