CSIF Ensino adhírese ao acordo educativo tras abrir a Consellería a porta ao diálogo

  • Prensa y Comunicación

9 de December de 2025

-CSIF Ensino avisa de que a adhesión “non é un cheque en branco”
-O sindicato abandonará o acordo e reactivará as mobilizacións se a Consellería non cumpre o pactado

Santiago de Compostela, 9 de decembro.- CSIF Ensino asinou hoxe co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, a súa adhesión ao acordo sobre medidas para mellorar o sistema educativo e as condicións laborais do profesorado, unha decisión que o sindicato adopta “por un exercicio de responsabilidade”, tras constatar unha maior disposición da Consellería a avanzar no estudo das melloras aínda pendentes a través da vía negociadora.

A central sindical explica que ata o de agora non asinara o acordo por consideralo insuficiente en aspectos clave como a redución horaria, a atención á diversidade, a diminución da burocracia, as ratios ou as retribucións, e porque moitas destas melloras non se aplicaban ao conxunto dos niveis educativos. A apertura ao diálogo por parte da Administración supón, segundo CSIF Ensino, unha oportunidade real para seguir avanzando nestas cuestións.

CSIF Ensino tamén sinala que a decisión chega despois de constatar que non foi posible acadar a unidade sindical pola que o sindicato traballou desde o inicio do proceso. A organización lamenta esta falta de consenso, que considera “unha ocasión perdida para fortalecer aínda máis a posición do profesorado”. Con todo, entende que esta situación non pode paralizar o avance, porque neste momento a vía negociadora é o instrumento máis eficiente e realista para conseguir as melloras pendentes, e é aí onde CSIF Ensino considera que pode exercer unha presión máis efectiva.

O sindicato subliña que a decisión de entrar no acordo non significa un apoio incondicional. “Esta adhesión non é un cheque en branco”, advirte Rosa Silva, presidenta do sector en Galicia, quen anunciou unha vixilancia estrita do cumprimento dos compromisos adquiridos pola Consellería.

CSIF Ensino lembra que, se a Administración non cumpre o pactado ou non avanza nas melloras necesarias, o sindicato abandonará o acordo e reactivará as mobilizacións, “coa lexitimidade de quen aposta polo diálogo, pero tamén pola defensa firme do profesorado galego”.

A organización reafirma que continuará traballando en todas as mesas de negociación para garantir melloras reais no ensino e nas condicións laborais do persoal docente.

COMPARTIR