Agresións diarias nos CRAPD de Vigo e Pontevedra: CSIF reclama protección para persoal e residentes
15 de setembro de 2025
O sindicato súmase á denuncia do Comité de Empresa e anima ás traballadoras e traballadores a notificar calquera agresión á Xunta
Vigo, 15 de septiembre de 2025 .- A entrada de persoas con graves trastornos psiquiátricos nas residencias de maiores de Vigo e Pontevedra xerou unha crecente alarma entre o persoal e as persoas usuarias destes centros. Segundo denuncia o Comité de Empresa de Política Social, prodúcense agresións verbais, físicas e mesmo sexuais a diario, unha situación que desde CSIF consideramos insostible.
“Os CRAPD non están preparados para este tipo de ingresos, nin contan con persoal especializado nin con protocolos de actuación”, subliña Marisa Alonso, presidenta do Comité de Política Social de Pontevedra.
Centros desbordados e sen recursos
As residencias de maiores, lembran, non son centros sanitarios especializados e carecen dos recursos necesarios para atender a pacientes con patoloxías psiquiátricas graves. Esta mestura de perfís provoca un grave risco para os residentes e para os cadros de persoal, que traballan nun clima de medo e indefensión.
Desde CSIF esiximos á Consellería de Política Social que poña en marcha protocolos claros de prevención de agresións e habilite centros específicos para persoas con trastornos psiquiátricos, evitando derivalas ás residencias de maiores.
Chamamento ao persoal
CSIF anima a todas as traballadoras e traballadores a que notifiquen de inmediato calquera agresión sufrida á Xunta polas canles oficiais. Adxuntamos guía de como facelo. Denunciar cada caso é fundamental para visibilizar a magnitude do problema e obrigar á administración a dar unha resposta efectiva.