CSIF denuncia a supresión sen previo aviso do programa RAOGAL, que deixa sen atención ao alumnado máis vulnerable en Galicia
1 de agosto de 2025

CSIF Ensino denuncia a eliminación sen aviso previo do programa RAOGAL por parte da Xunta de Galicia, unha medida tomada en pleno período estival que afecta directamente a 31 docentes e deixa sen alternativa para este curso a decenas de centros educativos e por centos de estudantes en situación de vulnerabilidade.
O sindicato cualifica a decisión como "irresponsable", pois deixa desprotexido ao alumnado con máis necesidades e elimina un recurso que funcionaba como ponte entre os centros educativos, as familias e as administracións.
O programa RAOGAL (Rede de Acompañamento e Orientación Persoal e Familiar de Galicia) foi creado en 2021 como unha iniciativa innovadora financiada con fondos europeos e do Ministerio de Educación, para atender a estudantes con dificultades de aprendizaxe, risco de absentismo ou abandono escolar. Posteriormente asumiu o seu financiamento a Xunta de Galicia, co obxectivo de garantir que ningún estudante queda atrás, especialmente en zonas rurais ou con menos recursos.
No mes de maio o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciaba aos catro ventos a aprobación dunha nova ‘Estratexia de Inclusión Educativa’, dotada cun orzamento de 116 millóns de euros e que se poñería en marcha neste próximo curso 2025-26. Este programa inclúe medidas de fomento de permanencia do alumnado no sistema educativo, entre elas: “consolidarase a Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar de Galicia, logo do seu bo funcionamento nos últimos cursos”.
Así é, que a medida comunicada na mañá do mércores pola Consellería aos docentes participantes no programa, foi acollida con estupor e decepción, pola ruptura do compromiso adquirido pola Xunta.
Desde CSIF esiximos á Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades a reversión inmediata da decisión e a recuperación deste programa, que conseguira reducir a taxa de abandono escolar en Galicia e que a propia Administración autonómica ampliara en cursos anteriores polos bos resultados alcanzados.
RAOGAL contaba na actualidade con 31 Unidades de Acompañamento e Orientación persoal e familiar (UACO). Desde os seus respectivos centros, exercían como coordinadoras de apoio para outros colexios e institutos da súa zona, ofrecendo acompañamento personalizado ao alumnado con dificultades. Tamén traballaban en estreita colaboración coas familias, os equipos docentes e a contorna social.
O curso pasado, o programa fora ampliado ata os 71 docentes polos seus bos resultados, aumentando o seu alcance territorial. “A súa supresión repentina, sen explicacións públicas, e próximos ao comezo do novo curso escolar supoñerá un retroceso na equidade do noso sistema educativo”.