Información da DXX sobre a climatización das sedes xudiciais.
- CSIF Informa
18 de June de 2026
Tras as numerosas queixas elevadas por CSIF sobre a climatización de varias sedes xudiciais, a DXX acaba de remitirnos o seguinte correo:
"Ante as solicitudes recibidas por diferentes organizacións sindicais en relación coa situación da climatización en distintas sedes xudiciais, así como respecto da adopción de medidas provisionais mentres non se complete unha solución integral, estase realizando un seguimento polos órganos competentes, os cales están analizando distintas alternativas de actuación para paliar, con carácter provisional, as temperaturas elevadas que poidan rexistrarse en determinadas dependencias.
En particular, estase valorando a viabilidade técnica e material de medidas temporais que permitan mellorar as condicións térmicas dos espazos afectados, incluída a posible utilización de equipos portátiles de climatización, tendo en conta as características de cada inmoble, a configuración das fiestras, a dispoñibilidade de equipos e as necesidades de instalación ou adaptación que puidesen resultar necesarias.
No que atinxe ás actuacións tratadas na reunión do día 9 de xuño, acordouse ir valorando a situación edificio por edificio, revisando cada caso concreto para determinar se as actuacións necesarias teñen encaixe en obras de eficiencia previstas ou en curso, dado que deben cumprirse determinadas condicións técnicas e materiais para poder executar as solucións que resulten procedentes.
Deste xeito, as actuacións estanse a desenvolver seguindo criterios técnicos, co obxectivo de priorizar aquelas sedes, edificios ou dependencias que presenten unha situación máis sensible. Neste sentido, prevese dotar de aparellos aos espazos nos que, atendidas as súas circunstancias concretas, resulte máis necesaria unha actuación provisional.
Somos conscientes da importancia de garantir unhas condicións axeitadas de traballo e de previr situacións que poidan afectar ao benestar do persoal destinado nas sedes xudiciais. Por iso, daráselle prioridade ao seguimento desta incidencia e á adopción das solucións provisionais que resulten viables mentres se avanza na mellora das condicións de climatización dos edificios afectados.
Quedamos á súa disposición para mantelos informados de calquera novidade relevante."