CSIF traballa por unha unidade sindical que finalmente non foi posible acadar
- Negociaciones y acuerdos
17 de de novembre de 2025
Nas últimas semanas, o profesorado galego trasladou un profundo descontento pola falta de unidade entre as organizacións sindicais do sector educativo. A comunidade docente demanda, cada vez con máis forza, que as iniciativas e mobilizacións se articulen desde unha posición común que permita defender con maior eficacia os seus dereitos, condicións laborais e a calidade do ensino público.
Ante esta situación, CSIF Ensino Galicia deu o paso de promover un proceso real de achegamento entre as distintas organizacións do ámbito sindical educativo. Co obxectivo claro de explorar vías de consenso e avanzar cara a un escenario de unidade, CSIF impulsou e participou nunha serie de reunións formais con diferentes entidades sindicais presentes no panorama docente galego.
Durante estes encontros, analizáronse puntos en común, propostas compartidas e posibles liñas de acción conxunta. CSIF defendeu en todo momento a necesidade de trasladar ao profesorado unha mensaxe sólida e unificada, especialmente nun contexto no que o sector reclama acordos amplos e unha posición común ante a Administración.
Porén, a pesar do esforzo realizado e da vontade manifesta de CSIF por avanzar neste camiño, non foi posible acadar finalmente unha unidade sindical plena. As diferenzas de estratexia, enfoque e prioridades entre varias organizacións impediron pechar un acordo sólido que permitise articular accións conxuntas inmediatas.
Aínda así, CSIF Ensino Galicia reafirma o seu compromiso co diálogo, coa responsabilidade e coa defensa firme do profesorado. Continuaremos traballando para que o sistema educativo galego conte cun sindicalismo construtivo, profesional e orientado ás necesidades reais dos centros e do persoal docente.