Reunión coa dirección xeral de defensa do monte sobre a compensación das prolongacións de xornada na campaña de incendios.

  • Otros artículos

3 de November de 2025

O pasado luns, 27 de outubro de 2025, as organizacións sindicais CCOO, CSIF e UGT mantivemos unha reunión co Director Xeral de Defensa do Monte para tratar a cuestión da compensación das prolongacións de xornada realizadas polo persoal do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) durante a última campaña, unha das máis esixentes dos últimos anos e caracterizada pola súa dureza e complexidade.

Persoal funcionario
De acordo co disposto no punto 5 do Acordo de Condicións de Traballo, a compensación será económica, mediante o pagamento de gratificacións extraordinarias. Retribuiranse todas as horas realizadas por riba das dez ordinarias, con independencia de que o incendio fose ou non declarado de nivel 2. Así mesmo, aboaranse tamén as horas correspondentes ás xornadas de carácter voluntario, en recoñecemento ao esforzo adicional do persoal que reforzou os
dispositivos nos momentos máis críticos da campaña.

Segundo os datos trasladados pola Administración, a cuantificación provisional sitúase arredordas 20.000 horas de prolongación, das cales aproximadamente 3.700 corresponderían a actuacións voluntarias.

Persoal laboral.
As cifras de horas realizadas son de magnitude semellante. Aínda que o convenio colectivo vixente prevé a posibilidade de compensar estas horas con tempo de descanso, as tres organizacións sindicais defendemos que, dadas as circunstancias excepcionais da campaña, a compensación para este colectivo sexa tamén de carácter económico, do mesmo xeito que se aplicará ao persoal funcionario. A decisión está na man da Consellería.

O detalle individualizado das compensacións foi remitido á Secretaría Xeral Técnica (SXT) a finais da pasada semana, segundo nos consta a través dos contactos posteriores mantidos co propio departamento.

Cómpre lembrar que, ao tratarse de gratificacións extraordinarias, o seu aboamento require a
autorización previa do Consello da Xunta de Galicia. Desde as tres organizacións sindicais agardamos que este trámite se resolva coa maior axilidade posible e que as compensacións poidan facerse efectivas antes de rematar o presente exercicio.

CCOO, CSIF e UGT consideramos que o elevado número de horas de prolongación ten a súa orixe directa no alto número de prazas sen cubrir ata mediados de agosto. Segundo os datos coñecidos, o 15 de agosto se incorporaron arredor de 200 efectivos, e a partir desa data producíronse numerosos chamamentos para reforzar o dispositivo. Este feito demostra con claridade que o déficit de persoal durante boa parte da campaña obrigou a un sobreesforzo extraordinario por parte do persoal, que asumiu xornadas prolongadas para garantir a eficacia do servizo e a protección do monte galego.

Finalmente, CCOO, CSIF e UGT queremos poñer en valor o sindicalismo útil, responsable e
comprometido, que traballa tamén nos despachos, con rigor, seriedade e constancia, para facer cumprir os acordos e traducir o diálogo en melloras reais.

COMPARTIR