Convocado o programa de autoformación para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma

  • Otros artículos

2 de June de 2025

A Escola Galega de Administración Pública ven de convocar o programa de autoformación para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galicia, da Administración de xustiza, das entidades locais e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG). Este programa de autoformación renova este ano os seus contidos formativos para incluír novos temas de interese.

Cada persoa determinará libremente o número de actividades en que se queira inscribir e o período durante o cal vai traballar na actividade ou actividades do programa de autoformación elixidas.

As persoas que desexen participar no programa de autoformación dispoñen de dúas opcións, compatibles entre elas pero independentes unha da outra:

  • Por unha banda, poden acceder aos contidos das actividades sen máis trámite que o de inscribirse na zona de matrícula da EGAP, tal e como se prevé no anexo I.
  • Por outra banda, poden solicitar presentarse ás probas de avaliación reguladas no anexo II, que lles ofrecen a posibilidade de acreditar a súa competencia mediante a obtención dun certificado de equivalencia.

Cómpre ter en conta que o acceso aos contidos non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas, pero só as persoas que se matriculen nas probas de avaliación e as superen teñen dereito a obter un certificado de equivalencia, que ten o mesmo valor que un de aproveitamento.

INSCRICIÓN PROBAS DE AVALIACIÓN: O prazo de presentación de solicitudes de participación nas probas de avaliación será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o 12 de xuño de 2025. O número máximo de probas de avaliación das actividades do programa de autoformación que se poden solicitar limítase a catro.

INSCRICIÓN CURSOS: A inscrición para o acceso aos contidos poderá facerse en calquera momento a partir do día 13 de xuño de 2025, día seguinte ao da finalización do prazo de matrícula da proba de avaliación das actividades do programa de autoformación.

 

Máis información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250602/AnuncioO150-230525-0001_gl.html

COMPARTIR