CSIF urxe a convocatoria da Mesa de Negociación de Funcionarios da Xunta para conseguir a equiparación salarial co resto das CC.AA
04 de Junio de 2018

CSIF remitiu, con data 28/05/2018, unha carta ao conselleiro de Facenda reclamando a convocatoria urxente da Mesa Sectorial de Negociación de Funcionarios de Administración Xeral a fin deiniciar as negociacións que poñan fin ao importante agravio comparativo salarial dos funcionarios galegos respecto ao do resto das CC.AA e situar as súas retribucións, cando menos, na media do conxunto do Estado.

Desde CSIF xustificamos a petición nos resultados do estudio comparativo que elaboramos para avaliar as retribucións respecto a outras Comunidades Autónomas, e que pon de manifesto que o persoal funcionario da Administración Xeral galega se sitúa á cola dos funcionarios peor retribuídos do conxunto das Comunidades en todos os grupos/subgrupos profesionais.

Así, en comparación coas CC.AA que perciben as retribucións complementarias máis altas, os funcionarios galegos cobran entre un 34’30% menos, no caso do subgrupo C2, e un 53’78%, no caso dos funcionarios do subgrupo A1; o que supón entre 6.786 euros e 21.825 euros anuais menos nas súas nóminas, respectivamente.

Facendo unha media salarial con respecto ao resto das CC.AA, os funcionarios da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia perciben entre 1.766 euros por debaixo desa media nos casos dos subgrupos máis baixos, e os 6.185 euros no subgrupo máis altos. A diferencia salarial media oscila entre o 8’22% e o 13 ‘23% respectivamente.

Insistimos en que os funcionarios da Administración Xeral non poden quedar á marxe das melloras económicas que a Xunta negociou ou está a negociar con sectores como Sanidade, Ensino e Xustiza para situar os seus salarios por riba da media do conxunto das CC.AA.

Na CSIF sostemos no escrito que “entendemos que os funcionarios da Administración Xeral da Comunidade Autónoma galega non poden quedar á marxe destas melloras económicas; e que procede, sen máis dilación, que ditos funcionarios vexan recoñecida a súa dignidade como empregados públicos. Doutra forma, ditos funcionarios serían vítimas dunha discriminación e desprezo en toda orde inxustificada e carente de fundamento“.