Acordo prestación servizos e outros temas das escalas de Axentes Forestais e Medioambientais
04 de Mayo de 2018

O pasado día 3 de maio tivo lugar unha xuntanza con representantes das Consellería do Medio Rural, MAOT e da DXFP para retomar as negociacións respecto das disposicións que rexerán o réxime de prestación de servizos destes colectivos (e dos futuros Axentes Técnicos en Xestión Medio Ambiental), así como o regulamento de funcións de ditos Corpos e Escalas.

O director xeral da Función Pública trasladou as novidades na oferta da Administración que se sintetizan nas seguintes ideas:

  1. Creación dun grupo de traballo interno conxunto das consellerías afectadas para elaborar o borrador do regulamento de funcións destes Corpos o Escalas, coa intención de presentalo ante as OO.SS. e aprobar o Decreto antes do remate do ano (2018, enténdese).
  2. Melloras no texto da Orde de Réxime de Prestación de Servizos no sentido de manter a produtividade nas contías xa ofertadas, pero complementalo cun aumento en dous anos de niveis, de xeito que no ano 2020 os Axentes Forestais contarían cun nivel mínimo 16, os Axentes Medioambientais cun 18 e os Axentes Técnicos cun nivel 20. Tendo en conta que o aumento de nivel tamén supón aumento do Específico, a Administración cuantifica a suba anual nunhas cantidades que oscilan entre os 926 euros e os 1.213 euros.

Así mesmo, o director xeral de Ordenacion Forestal efectúa un esbozo do que serían as novas funcións (a negociar na tramitación do Decreto) que xustifiquen este aumento de Niveis, e traslada a intención da administración da posible creación de 31 prazas para as Brigadas de Investigación de Incendios nun prazo de tres anos.

A negociación segue aberta, dado que aínda non hai unha posición fixada sobre os termos económicos definitivos e outras cuestións importantes como a excesiva duración do período extraordinario (actualmente 6 meses) ou temas como a dotación de medios ou formación.

A Administración comprométese a enviar ao longo da semana próxima o texto coas melloras recollidas para que se efectúen novas alegacións ao mesmo.