A OPE 2015 do Sergas evidencia a intención da Xunta de privatizar os servizos non sanitarios
25 de Marzo de 2015
CSI-F denuncia que só se cubrirán o 4% das prazas perdidas desde 2012 nas áreas de servizos e xestión, e algunhas das categorías máis baixas, como as que se empezaron a privatizar no novo Hospital de Vigo, nin sequera se convocan.
O sindicato reclama unha OPE que cubra o 100% das taxas de reposición en todas as categorías no Sergas, que perdeu máis de 3.000 emprego desde 2012.
A Oferta Pública de Emprego presentada polo Sergas na última mesa sectorial para este ano deixa en mínimos a reposición das prazas do persoal de servizos e de xestión, é dicir, empregos non estritamente sanitarios. Desde o ano 2012, os empregos que se perderon nestas áreas ascenden a 1.059 mentres que na OPE se ofrecen só 40 prazas, é dicir, apenas cobre un 4% das necesidades. Ademais, non se convoca nin unha soa praza de postos de categorías inferiores como celadores, pinches, persoal administrativo ou PSX, moitos das cales se están xa a privatizar en centros de nova creación como o Hospital de Vigo, que o inclúe no seu Plan de Reordenación de Recursos Humanos.
A xuízo da CSI-F, esta oferta pública evidencia por onde van as políticas da Xunta de Galicia en Sanidade, que profundiza no desmantelamento do servizo público sanitario e na destrución de emprego para facilitar a súa privatización.
CSI-F denuncia, ademais, que a totalidade da OPE 2015 consolida os recortes de persoal, a precariedade e a carga asistencial ao non cubrir a totalidade das prazas que se perderon no últimos tres anos. Desde o ano 2012, destruíronse máis de 3.000 empregos e, coas 344 prazas convocadas para o 2015 e as de anos anteriores, aínda quedarían 2.755 vacantes. “Reclamamos que se convoquen o 100% das prazas para poder dar unha cobertura de calidade aos cidadáns na área sanitaria galega, unha das que máis sufriu os recortes da Xunta de Galicia coa escusa da crise”.
Ver Galería