A XUNTA DE PERSOAL DOCENTE DENUNCIA A DEIXADEZ DE FUNCIÓNS DO XEFE TERRITORIAL DA CORUÑA
10 de Febrero de 2021

A XUNTA DE PERSOAL DOCENTE DA CORUÑA DENUNCIA A DEIXADEZ DE FUNCIÓNS DO XEFE TERRITORIAL

A Permanente da Xunta de Persoal Docente de Centros Públicos non Universitarios da Provincia da Coruña vén de denunciar a negativa do Xefe Territorial da Consellaría de Educación a reunirse cos representantes sindicais do profesorado tal e como está obrigado.

A Xunta de Persoal Docente non Universitario é a representante dos máis de 12.000 docentes de centros públicos da provincia da Coruña. Para un funcionamento fluído está constituída unha Permanente formada na actualidade por 7 persoas pertencentes ás seis organizacións sindicais con representación na provincia.

Entre as funcións desta Permanente está a de reunirse con periodicidade mensual co Xefe Territorial, coa fin de tratar asuntos relacionados co profesorado. Estas reunións son convocadas polo presidente da Xunta de Persoal, como representante da mesma, cunha orde do día elaborada pola Permanente.

Indalecio Cabanas, Xefe Territorial, négase desde o pasado 28 de outubro a reunirse coa representación sindical. Os motivos alegados son varios e cambiantes.

Cronoloxía dos feitos:

  • - O 27 de outubro o Xefe Territorial comunica o aprazamento da reunión prevista para o mércores 28. Quedamos en que se nos comunicará nova data.

  • - Ante a falta de comunicación da Xefatura, e logo de tentar contactar telefonicamente en varias ocasións, o 25 de novembro envíase correo emprazando a que comunique a data da reunión. Contesta o día 18 de decembro nun correo que reproducimos: “Debido a cambios na Consellería de Cultura, Educación e Universidade que afectan directamente á Xefatura de Inspección Educativa da Coruña vémonos na obriga de pospoñer a reunión da xunta de persoal quedando para á volta do Nadal.

    Informaremos a data exacta nos primeiros días de xaneiro.”

  • - No mes de xaneiro seguimos sen ter resposta. A Permanente envía o día 28 convocatoria de reunión para o 3 de febreiro. Dásenos resposta o 29 propondo reunión para o día 10 de febreiro de xeito telemático.

  • - Esta Permanente manifestou desde o principio que non ía aceptar reunións telemáticas mentres o profesorado estea presencialmente nas aulas e a lexislación o permita.

    Razón polas que o Xefe Territorial non quere reunirse coa Permanente

- A razón temos que buscala en que na orde do día vai un punto no que se lle pide explicacións pola súa actuación no caso do CEIP “Luís Seoane” de Mera e mesmo a súa dimisión. Feito que se constata en que agora propón celebrar a próxima reunión modificando a orde do día eliminando ese punto.

Algo inaudito porque non lle corresponde ao Xefe Territorial decidir que puntos deben ser tratados, con independencia que queira respostar aos mesmos ou non.

A Permanente da Xunta de Persoal Docente non Universitario denuncia:

1.- O Xefe Territorial négase a manter unha reunión presencial, na que estaremos presentes nove persoas, coa desculpa da situación sanitaria ao tempo que obriga os máis de 12.000 docentes da provincia a que impartan clase a 25/30 alumnos en aulas que non sempre permiten manter a distancia social.

2.- O edificio da Delegación da Xunta de Galicia dispón de espazos axeitados para que se poda celebrar esa reunión con seguridade sanitaria e “confortablemente”. Tal e como ven facendo esta Permanente no salón de actos do mesmo.

3.- O Xefe Territorial da Consellaría de Educación actúa libremente e con total incoherencia cos seus homónimos do resto das provincias, onde veñen celebrándose as reunións coa representación sindical presencialmente. Do mesmo xeito que se celebran reunións de moitas máis persoas na Consellaría de Educación, tales como da Mesa Sectorial ou mesmo do Consello Escolar de Galicia.

4.- A súa liña de actuación provocou que a Coruña fose a única provincia na que non se celebrou a reunión de negociación de vacantes do CXT como é preceptivo.

Por todo o anterior emprazamos o Xefe Territorial a que rectifique e dea exemplo ante a comunidade educativa asumindo as súas responsabilidades.
Nun contexto en que:

  • - O profesorado e o alumnado están obrigados a asistir a clases presenciais en aulas conxeladas.

  • - Centos de docentes traballan sendo persoas de risco por motivos de saúde.

  • - Docentes conviventes de familiares sospeitosos de estar contaxiados de COVID obrigados a acudir ao centro.

    -Resulta inmoral e inxustificable a actitude do máximo responsable da Consellaría de Educación na Coruña.

    Esta Permanente esixe que cumpra coas súas obrigas.

  • Na Coruña, a 10 de febreiro de 2021.