A Consellería de Cultura e Educación aposta de novo pola formación do profesorado coa convocatoria de ata de 828 licenzas por estudos para docentes.
09 de Marzo de 2012

A mesa sectorial do ensino non universitario analizou hoxe esta orde, pola que se duplican as prazas convocadas respecto do 2011
Cómpre destacar a creación de novas modalidades, como é o caso da de creación de materiais curriculares dixitais e da de elaboración de materiais para a formación a distancia
Ademais analizáronse 11 adaptacións de currículos de ciclos formativos, que se publicarán nos vindeiros meses
A mesa tamén tratou a orde pola que se convoca concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección de 213 centros docentes públicos de Galicia
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou hoxe á análise da mesa sectorial do ensino non universitario a orde para a convocatoria dun máximo de 828 prazas para licenzas por estudos no período correspondente ao derradeiro trimestre do curso 2011-2012 e para o curso 2012-2013, dirixidas ao persoal docente de carreira. Así, e dependendo dos meses que dure cada licenza, poderán gozar delas un mínimo de 424 docentes e un máximo de 828.
Con esta convocatoria o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad duplica o número de prazas convocadas respecto da orde de 2011, a pesares da crise económica. Deste xeito a Consellería fai de novo unha aposta pola formación do profesorado, peza clave dun sistema educativo de calidade.

Ademais a mesa sectorial analizou 11 currículos de ciclos formativos adaptados ás esixencias da Lei das Cualificacións Profesionais e da Lei Orgánica de Educación (LOE), que está previsto publicar nas vindeiras semanas, sumándose aos 47 xa adaptados no que vai de lexislatura.
Modalidades das licenzas
Cómpre destacar a creación de novas modalidades, como é o caso da de creación de materiais curriculares dixitais e da de elaboración de materiais para a formación a distancia. As licenzas por formación poden ter carácter retribuído ou non retribuído. No caso das retribuídas - que terán unha duración mensual, bimensual ou trimestral- poderán solicitarse en distintas modalidades, nomeadamente para a creación de materiais curriculares dixitais para primaria e secundaria - de forma individual ou en grupo de traballo de 2 membros-, para a creación de materiais curriculares dixitais para a formación profesional - tamén individual ou en grupo de 2 persoas-, grupo de traballo de dous membros para a elaboración de materiais para a formación a distancia, que se impartirán na Plataforma de Teleformación Galega (PLATEGA); e para o perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior.
Neste último caso procúrase o perfeccionamento da lingua estranxeira correspondente e a consecución da cualificación necesaria para promover dun xeito preferente a creación ou a continuación do programa de seccións bilingües e de centros plurilingües, segundo o compromiso da Consellería de solicitar aos docentes que acrediten como mínimo o nivel B2 en lingua estranxeira do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL) para participaren en ambas iniciativas.As licenzas desta modalidade terán unha duración mínima dun mes e máxima de tres meses.
No tocante ás licenzas para formación non retribuídas poderán concederse por períodos de seis ou doce meses ininterrompidos. As persoas solicitantes desta modalidade deberán cumprir os requisitos xerais establecidos na orde e deberán ter transcorrido tres cursos académicos desde o exercicio da última licenza concedida na mesma modalidade.
Tras o seu paso pola mesa sectorial, a orde publicarase nas vindeiras semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Outros asuntos analizados
Na mesa sectorial celebrada hoxe tamén se analizou a orde pola que se convoca concurso de méritos para a selección e nomeamento da dirección de 213 centros docentes públicos de Galicia; e a orde pola que se convoca concurso de méritos específico entre persoal funcionario de carreira dos copos docentes para cubrir postos de persoal docente en prazas sometidas a convenio ou a programas específicos da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, tales como os do convenio da ONCE.
Así mesmo, presentouse á valoración dos sindicatos do ensino non universitario a os anteproxectos de decreto polos que se establecen o currículo do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de artes plásticas e deseño en Cerámica Artística, e os currículos dos ciclos inicial e final de grao medio correspondente ao título de técnico deportivo en mergullo deportivo con escafandro autónomo.
Trátase, en ambos os casos, de titulacións de nova creación. Respecto do ciclo formativo en Cerámica Artística, as ensinanzas que regula este decreto configuráronse para garantir unha formación artística ao alumnado que lle permita acadar criterios estéticos para afrontar o labor de creación inherente a todo proceso proxectual, e para valorar obxectivamente o patrimonio artesanal e artístico existente e a obra allea. Por outra banda, procúrase facilitar aos estudantes a adquisición dos coñecementos científicos e tecnolóxicos, e as capacidades e habilidades que lles permitan non soamente a súa incorporación á vida laboral activa, senón tamén afrontar, con garantías de eficiencia e eficacia, a necesaria adaptación ás modificacións técnicas e sociolóxicas que se produciran ao longo da súa vida activa, atendendo as demandas cambiantes do sistema produtivo.
No caso do título de técnico deportivo en mergullo deportivo con escafandro autónomo, o currículo configúrase para dotar aos estudantes dos coñecementos suficientes para permitirlles o exercicio competente das súas funcións, poñendo o acento en acadar unha formación completa, cun equilibrio entre o carácter teórico e práctico, de maneira que o proceso de formación se vincule á realidade científico técnica e social do mergullo deportivo.

Esta información se puede buscar en http://www.edu.xunta.es/web/node/4282