CSIF, CCOO e UGT solicitan unha reunión para aplicar a xubilación anticipada dos bombeiros forestais en Galicia
- Otros artículos
- Prensa y Comunicación
25 de de setembre de 2025

CSIF, xunto a CCOO e UGT, vén de solicitar unha reunión urxente coas Consellerías de Facenda e Medio Rural para poñer en marcha todas as accións e modificacións que establece a normativa estatal, tras a publicación do Real Decreto 817/2025 no BOE o 17 de setembro, que entrou en vigor o día 18. Esta normativa modifica o R.D. 383/2008 e establece o coeficiente reductor da idade de xubilación para bombeiros e bombeiras forestais, facilitando que estes profesionais poidan acceder á xubilación ata cinco anos antes sen perda de ingresos.
O obxectivo da reunión é axilizar e facilitar ao máximo o exercicio do dereito de xubilación con aplicación de coeficientes redutores, en particular no que respecta ao recoñecemento dos códigos de ocupación (CNO) e á aplicación das cotizacións adicionais indicadas pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.
CSIF, en declaracións ao Faro de Vigo, advirte que estas saídas deben contemplarse na OPE de 2025 para evitar a perda de efectivos clave na loita contra os incendios.
O novo marco normativo afectará inicialmente a uns 200 bombeiros forestais, e proxéctase que proximamente se sumen tamén os axentes forestais e ambientais, o que podería supor case 300 xubilacións este ano en Galicia. CSIF reclama tamén que os/as emisoristas poidan acceder a este recoñecemento, dado que o seu labor en vixilancia e prevención é esencial.
Dende CSIF valoran esta medida, que equipara aos bombeiros forestais co resto de bombeiros, recoñecendo así anos de reivindicación sindical e a importancia do seu labor na protección do medio e das persoas.