As organizacións sindicais trasladamos á DXDM as prioridades a abordar tras a vaga de incendios en Galicia

  • Otros artículos

25 de d’agost de 2025

CSIF, xunto a CCOO e UGT mantivemos unha xuntanza o pasado venres coa Dirección Xeral de Defensa do Monte (DXDM) para avaliar a grave situación xerada pola vaga de incendios forestais en Galicia e expor as principais prioridades que deben abordarse  para garantir a seguridade e as condicións de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF).

Na reunión, as organizacións reclamamos a cobertura áxil do 100 % das prazas vacantes e non vacantes, incluídas incapacidades temporais e vacacións, co obxectivo de asegurar un operativo a plena capacidade. Denunciouse que en plena campaña de incendios permaneceran máis de 200 postos sen cubrir.

Tamén solicitamos a convocatoria inmediata do Comité de Seguridade e Saúde, poñendo sobre a mesa cuestións como a mellora dos novos traxes de extinción tras detectarse queimaduras en traballadores, a necesidade urxente de protocolos de desinfección dos EPIs por exposición a contaminantes químicos e un informe detallado sobre os accidentes producidos durante a vaga de lumes.

Unha vez superada a crise, os sindicatos pedimos abrir unha mesa de negociación para regular as condicións do persoal desprazado fóra do seu distrito, especialmente cando sexa necesario pernoctar lonxe do domicilio, e establecer con claridade a limitación do tempo máximo de traballo en 12 horas. Así mesmo, reclamamos información sobre a compensación das horas extras realizadas.

As organizacións sindicais insistimos en que a experiencia destes días, con máis de 570 incendios na comunidade, evidencian a necesidade de reforzar un operativo público que demostrou ser eficaz, pero que precisa melloras estruturais. Entre as medidas propostas destacan:

  • Operatividade do dispositivo durante os 12 meses do ano.

  • Equiparación das condicións laborais e funcionariais.

  • Creación de novas prazas en áreas clave (coordinación, vixilancia, bombeiros forestais e xefaturas de brigada), subliñando que a incorporación de 147 xefes de brigada permitiría duplicar o número de brigadas dispoñibles.

Con estas demandas, os sindicatos procuramos garantir tanto a seguridade do persoal como a eficacia dun servizo esencial para a protección do territorio galego fronte aos incendios forestais.

*Imaxe: fonte La Voz de Galicia

Fitxers adjunts

COMPARTIR